.O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na Arxentina a importancia do liderado e o talento das mulleres no fenómeno emigrante galego, pola súa contribución ao benestar de toda a comunidade e a realizar o camiño cara unha igualdade real e efectiva.
Así o fixo durante o acto de entrega da distinción “A Barca de Sálvora”, no Centro Gallego de Avellaneda, coa que se mostra o recoñecemento a mulleres destacadas da colectividade no Día Internacional das Mulleres. O presidente, que estivo acompañado polo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, aproveitou a súa intervención para agradecer á entidade o seu papel para axudar a preservar a cultura galega en todo o país.
Rueda sumouse á felicitación a Victoria Pazos, do ABC de Corcubión; María Luján Martínez Turnes, da Asociación Galega Residentes de Mos; e María Fernández Torres, de Residentes do Grove, as tres galardoadas con “A Barca de Sálvora”. Tamén á mención especial para as cantareiras, ás que se lle dedica o Día das Letras Galegas 2025. O presidente galego destacounas como referentes onde mirarse.
Na súa intervención, quixo aproveitar a data para reivindicar a loita pola igualdade como unha das grandes prioridades do Goberno autonómico, e apuntou que se trata dun traballo diario no que é necesario avanzar todos xuntos.
Tamén tivo palabras para as mulleres galegas que na actualidade se atopan fóra do noso territorio e que, polo seu traballo e fortaleza, representan un motivo de orgullo para toda a comunidade. “Agradecémosvos como mantedes Galicia viva esteades onde esteades”, asegurou.






Rueda concluíu reivindicando a Galicia actual, “moi diferente, potente, moderna”, que abre os brazos a todo o mundo, especialmente, “a aqueles que axudaron a construíla, cando viñeron á Arxentina e a tantos países, traballaron duro e nunca se esqueceron da terra de onde viñan”.