Os festexos completaranse coa segunda edición da Xuntanza de tunas, os días 21 e 22, tamén co apoio do Goberno autonómico.
A Xunta colabora un ano máis coas festas de San Xosé das Gándaras, en Lugo, que se celebrarán do 14 ao 19 de marzo. O delegado territorial, Javier Arias, participou hoxe na presentación do programa de actividades xunto a representantes da comisión organizadora.
O programa inclúe verbenas a cargo de diferentes grupos e orquestras, entre as que figuran Olympus -que actuará o venres día 14- e Los Satélites -o sábado 15-. Ao longo das seis xornadas haberá ademais pasarrúas, carruseis, unha festa infantil, unha sesión de maxia a cargo do mago Rafa, unha merenda para os máis pequenos e unha churrascada popular. O luns 17 os internos da residencia de maiores do Goberno galego no barrio poderán desfrutar ademais da actuación de Ayxa Romay no propio centro.
Javier Arias destacou o “patrocinio único” da Xunta a estas festas, “que veñen dinamizar e dar pulo económico ao barrio das Gándaras”, e lembrou ademais a colaboración da Administración autonómica con numerosos eventos na cidade e no conxunto da provincia, “non só cos grandes eventos e festivais, como pode ser o Caudal Fest, senón tamén coas festas dos barrios e das parroquias do rural, axudando así a manter vivas as nosas tradicións”.
Os festexos na honra de San Xosé completaranse coa celebración da segunda Xuntanza de Tunas As Gándaras, que se desenvolverá os días 21 e 22 de marzo tamén co apoio da Xunta. As tunas participantes actuarán polas rúas e bares do barrio, na residencia de maiores e no local social, onde pecharán este encontro cunha actuación o sábado, a partires das 19.30 horas, con entrada de balde.