Un novo formato chega á plataforma da televisión de galicia para promover o cinema galego, da man de Brava.
Agalega.gal segue innovando na súa plataforma coa estrea dun novo formato que impulsa a difusión do cinema galego. Hoxe ponse en marcha ‘O Videoclub’, un programa creado por Miguel Canalejo e Lucía Estévez que busca achegar ao público unha selección de dez películas e curtas galegas.
Dentro desa variedade de obras que comparten catálogo de ‘O videoclub’, atopamos tanto producións galegas dos últimos, como poden ser Unicorn Wars ou O corno, e incluso máis recentes, como As Neves, produción do ano 2024, que conta con 13 nominación nos Mestre Mateo 2025.
Pero a proposta non se detén no presente: o programa tamén recupera clásicos como Sempre Xonxa ou Eroski Paraíso, sorprendendo ás novas xeracións e espertando a nostalxia do público máis veterano.
A través de capítulos dun minuto de duración, Miguel Canalejo e Sila Sicilia presentan cada obra cun ton desenfadado e toques de humor, como nunha conversa entre colegas, convertendo cada vídeo nunha recomendación áxil e entretida. O obxectivo principal é facilitar aos espectadores a elección do seu próximo visionado, promovendo así a riqueza do audiovisual galego.
Este novo formato xa está dispoñible en Agalega.gal para que os usuarios poidan acceder a el en calquera momento e descubrir auténticas xoias do cinema galego.
Unha nova produción de Brava para AGalega.gal, liderada por Cristela Torres (A Illa de Arousa, 1995) e Bea Villar (A Coruña, 1998), que suma outra produción estreada no seu primeiro ano de vida, mentres sigue producindo diversos proxectos e colleitando éxitos como coa serie Pringadas, nominada a Mellor Serie Web no Cusco Web Fest 2025 e nos Premios Mestre Mateo 2025, ou o programa Contando Historias estreado este ano, que foi galardonado recentemente nos premios de AGalega.gal.