Ademais, con motivo do Día Mundial de Acción polos Ríos, a asociación plantará árbores de ribeira no río Tea xunto co alumnado do CIFP A Granxa de Ponteareas.
A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza, ADEGA, organiza unha xornada teórico-práctica sobre as especies exóticas invasoras no río Tambre. Terá lugar este xoves, 13 de marzo, e estará dirixida ao alumnado do ciclo superior de Forestais do CIFP San Paio do Monte de Santiago de Compostela.
Trátase dunha actividade pechada que se desenvolverá en sesión de tarde e na que se fará unha introdución á problemática das especies exóticas invasoras, unha ruta polo río para a identificación destas plantas e unha posta en común final para avaliar a actuación. O obxectivo desta iniciativa é divulgar a problemática, presentar as diferentes especies e propor actuacións e iniciativas de xestión ambiental.
Revexetación no Tea
Así mesmo, o venres 14 de marzo, ADEGA tamén impulsará unha actividade de revexetación no río Tea con árbores de ribeira cedidas polo CIFP A Granxa de Ponteareas, e na que participará alumnado do propio centro. Esta acción coincide co Día Mundial de Acción polos Ríos e pretende contribuír á conservación do medio fluvial.
Deste xeito, ADEGA continúa coas actividades enmarcadas dentro do Proxecto Fluviatilis, a través do cal busca fomentar actitudes e comportamentos que redunden nunha mellora dos ríos. Este proxecto conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.