Advirte que foi unha «oportunidade perdida» para a “autocrítica e a revitalización” ao apostar polo «autobombo das baronías» e o «cambio de cromos» para perpetuarse na dirección «sen atender a mensaxe de renovación da cidadanía nas urnas»
O ex secretario xeral do PSdeG Gonzalo Caballero, quen liderou o partido entre 2017 e 2021, fixo hoxe balance do resultado do XV Congreso do socialismo galego desta fin de semana. Sobre este cónclave, considerou que «fallou» ao apostar pola «continuidade do rumbo e dos referentes que nos levaron ás maiores derrotas electorais» e non incluír «nin debate, nin autocrítica, nin renovación”, co cal non permitiu xerar “ilusión nin revitalización”.
Caballero, quen recordou que o 90% da militancia socialista non participou nas asambleas para este Congreso, considerou que o cónclave foi un «cambio de cromos» nos postos da dirección pero que “non se atendeu a mensaxe da cidadanía galega nas urnas, que nos pediu renovación».
Así, en opinión de Caballero, «que se anuncie como reforzo que a exalcaldesa de Lugo se convirta na número dous é unha ficción, porque xa era a número dous do PSdeG con Formoso cando nos levaron aos peores resultados da historia en autonómicas» e especificamente «baixamos na provincia de Lugo, xusto onde o PP co 53% obtén os seus mellores resultados electorais en Galicia e España».
Ademais, Gonzalo Caballero amosou a súa fonda preocupación polo feito de que a liña marcada por Besteiro nesta cita congresual “agudiza a crise do socialismo en Santiago”.
RECÓRTASE A PARTICIPACIÓN DA MILITANCIA
Á vista do acontecido no XV Congreso, o economista vigués sinalou a súa preocupación porque Besteiro apostou por “un modelo de partido de catro dirixentes» e «non por un partido da militancia”.
A respecto diso, chamou a atención sobre que reduce de 210 a 150 o número de delegados do Comité Nacional elixidos directamente pola militancia nas asembleas locais, de modo que moitas agrupacións de vilas quedarán sen representante directo no máximo órgano do partido entre congresos, algo contrario á tradición socialista. «Recórtase drasticamente a participación democrática da militancia e das agrupacións», subliñou Caballero.
MODELO E PROXECTO
“O PSdeG non acerta ao apostar por un modelo de continuidade tras as derrotas e de suma de reinos de taifas municipalistas en vez do modelo de renovación, cun proxecto galeguista e de alternativa á dereita como foi na miña etapa”, reivindicou, ao tempo que destacou que con ese modelo en 2019 «obtivemos os mellores resultados da historia nunhas eleccións locais”.
Agora, recordou, “temos os restos municipalistas daquela etapa» logo da perda de dúas cidades e unha deputación, así como de 160 concelleiros e concelleiras. «Un PSdeG vivo
e creíble impulsa ao municipalismo, pero a suma de municipalismos por si mesma non revitaliza o PSdeG», conclúe.
Así pois, Caballero defendeu un modelo “galeguista, de esquerdas, ecoloxista e feminista baseado na ética e na exemplaridade pública”, e que debería ser “moi contundente” contra o cupo catalán, “moito máis esixente” ante a condonación de débeda e “máis claro defensor do desenvolvemento sostible” fronte aos riscos de proxectos como o de Altri.
LEALDADE E HONESTIDADE
Dito isto, Gonzalo Caballero deixou claro que desexa “acertos” á executiva do PSdeG. «Evidentemente, asumo a dirección emanada do Congreso e deséxolle acertos, pero a maior lealdade no partido é ser honestos e non seguir enganándonos co discurso do autobombo dos cargos que queren perpetuarse na vida política», recalcou.
Precisamente por iso, sinalou que “cómpre ser realistas”. “Temos que recoñecer que non imos ben e advertir dos erros que seguimos cometendo e que sairán caros», salientou o referente socialista vigués.
De feito, recordou que xa en 2021 e en 2024 advertiu de que os congresos de Formoso e Besteiro levarían ao PSdeG polo camiño das derrotas electorais, mentras os principais cargos prometían que iban convertir o socialismo galego en primeira forza. “Desgrazadamente, o tempo deu e quitou razóns», evidenciou.
“Novamente debo volver advertir que este congreso foi unha oportunidade perdida para encauzar a situación e volver crecer electoralmente como na miña etapa», concluíu Gonzalo Caballero.