O PPdeG presentará varias iniciativas no Parlamento de Galicia e nas Cortes Xerais para urxir ao Goberno central medidas que impidan que os condenados por agresión ou abuso sexual a menores poidan volver exercer a docencia ou calquera actividade en contacto coa infancia.
Así se acordou hoxe nunha Comisión de Educación extraordinaria do partido, celebrada tras coñecerse a condena a nove anos de cárcere por agresión sexual a unha menor do exdeputado Xabier Ron, antiga man dereita de Yolanda Díaz na desaparecida Alternativa Galega de Esquerda (AGE). Os populares cualificaron os feitos de “desprezables” e advertiron de que se unen a outros casos co mesmo «denominador común: a súa vinculación á esquerda radical”, segundo subliñou a secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado.
Na reunión, presidida polo coordinador de Educación, Ovidio Rodeiro, e na que participou o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, analizouse a falta de ferramentas xurídicas eficaces para apartar definitivamente das aulas a estas persoas.
“Aínda que pareza que temos mecanismos para evitar que un destes agresores volva exercer, non é así. Non hai medidas xurídicas suficientes”, insistiu Prado, quen lembrou que o caso de Xabier Ron non é único. A número dous dos populares galegos citou os exemplos de Martiño Ramos (exlíder de En Marea en Ourense, condenado por violar unha menor), Rosendo Fernández (vinculado a Ourense en Común, BNG e PSOE, que cumpriu prisión por abusar dunha nena de 4 anos) e Ramiro Santalices (asesor de AGE detido por posesión de pornografía infantil).
Paula Prado: “Que leccións de feminismo pretende dar a esquerda?”
A secretaria xeral do PPdeG detívose no caso de Rosendo Fernández como o “exemplo máis claro” do baleiro legal actual: “Foi condenado e, cando transcorreu o prazo para a cancelación dos seus antecedentes, non houbo ferramentas xurídicas que evitasen o seu regreso ao ámbito docente”, explicou.
Prado preguntouse “que leccións de feminismo e de respecto á infancia nos poden dar aqueles que respaldan a este tipo de persoas” e afeou que líderes políticos como Yolanda Díaz non fagan ningunha reflexión nin se pronuncien ante casos desta gravidade. Tamén cuestionou os «procesos de selección» de determinados partidos para que este «ramillete de delincuentes» acabe no seu contorno, e lamentou o silencio do BNG sobre a condena de Xabier Ron.
Román Rodríguez: “É de sentido común apartalos das aulas”
Pola súa banda, Román Rodríguez cualificou de “absolutamente desprezables e repugnantes” os feitos polos que foi condenado o exdeputado de AGE. Para o responsable de Educación do Goberno galego resulta de “sentido común” que unha persoa destas características non deba volver estar nunca nun aula nin en contacto con menores, “nin na educación pública, nin na concertada nin na privada”.
Rodríguez explicou que a Xunta e o PPdeG xa están a valorar distintas vías legais para encauzar unha solución xurídica que imposibilite a presenza destes agresores nos colexios. Segundo concluíu, casos coma este xeran unha “coincidencia xeral na sociedade”, polo que a Administración “debe tomar medidas urxentes ante a inquedanza cidadá”.