A atención de pacientes con problemas de saúde mental en situación de descompensación aguda é de moi baixa calidade, indigna para calquera persoa e intolerable humanamente. O enfermo mental non é un agresor, non se debe estigmatizar a este tipo de pacientes, o problema son as condicións da súa atención na Coruña: o espazo físico no servizo de urxencias, as esperas prolongadas para a atención psiquiátrica e para ingreso na planta, a falta de persoal específico para a súa asistencia, a contención mecánica… todo isto si é un medio agresor para o paciente e para os profesionais que os atenden. É prevenible, non hai xustificación para estas condicións asistenciais e de traballo.
A Plataforma SOS Sanidade Pública de A Coruña reuniuse cos traballadores do servizo de urxencias que realizan mobilizacións e piden solucións tras a grave agresión sufrida por un compañeiro durante o traballo o pasado tres de febreiro.
Son os profesionais que están día a día na atención directa de calquera que entre por urxencias, sexa de saúde mental ou traumatolóxico, cardíaco, en shock ou de calquera tipo.
Son os que coñecen mellor que ninguén os problemas de atención en urxencias, os que reciben ao paciente cunha descompensación aguda dunha enfermidade mental, ben cunha intención autolesión ben con alteración de comportamento.
O paciente chega a urxencias pero alí non hai psiquiatras nin enfermeiras especialistas en saúde mental, alí está o persoal que atende todo tipo de problemas e que normalmente están con sobrecarga, que dificilmente teñen o tempo necesario para dedicarlle a estes pacientes en descompensación, a falarlles, estar con eles os minutos, horas que precisan, aínda que fan o que poden.
O paciente é descargado nunha habitación sen ventás, con cortinas e outros materiais que poderían ser instrumentos de perigo, cunha camilla no medio e nada máis, en espera da chegada do psiquiatra, que pode durar horas. Se o paciente non é dado de alta, se necesita ingreso na planta de psiquiatría no hospital de Oza poden pasar 4-6 días para ser trasladados e mentres tanto están nestas habitacións, sen atención específica, quizais con contención química ou con contención mecánica, atadas as pernas, as mans, o tronco.
Estas habitacións teñen cámara de vixilancia que produce imaxes visibles en pantallas que poden ver outros pacientes de urxencias.
Todo isto era e é coñecido pola dirección do hospital. Foi advertido unha e outra vez polos traballadores de urxencias, estes cos que agora a Xerencia non quere falar nin ver.
Estamos en 2025, en Galicia, non é o século XIX. Non podemos tolerar esta atención.
SOS Sanidade Pública esixe unhas condicións de atención de urxencias técnica e humana correctas e respectuosas.
É necesario dotar ao servizo de urxencias dunha zona para a atención de urxencias do enfermo mental en descompensación, con persoal específico, nun medio ambiente adecuado. Hai espazo pero hai que querer e hai que dotala de recursos. O resto é facer que se fai algo pero sen resolver.
É posible previr as agresións, é obrigatorio outro tipo de asistencia sanitaria.