A FAPACEL amosa o seu apoio á concentración convocada pola ANPA do CEIP Vista Alegre de Burela e reclama unha resposta seria da Administración

A Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos de Lugo (FAPACEL), quere expresar o seu total apoio á concentración convocada pola ANPA do CEIP Vista Alegre de Burela, celebrada o pasado 11 de xuño ás 20:00 horas na Praza do Concello de Burela, para reclamar solucións aos problemas estruturais que afectan ás instalacións do centro educativo.

As familias mobilizáronse para demandar actuacións urxentes nun edificio que presenta importantes deficiencias: humidades, luminarias deterioradas, patios que precisan intervención, canalizacións obsoletas, ventás cunha baixa eficiencia enerxética e outras carencias que evidencian a necesidade dunha remodelación do centro. A estas problemáticas súmanse as barreiras arquitectónicas que aínda existen nas instalacións e que impiden garantir unha inclusión plena de todo o alumnado. Non podemos aceptar que, en pleno século XXI, haxa nenos e nenas que vexan limitado o seu acceso ou participación en determinados espazos do centro por cuestións de accesibilidade. Esta situación supón unha vulneración do principio de igualdade de oportunidades e transmite unha mensaxe inaceptable: a de que hai alumnado de primeira e alumnado de segunda. A educación pública debe ser inclusiva, accesible e garante dos dereitos de todas as nenas e nenos sen excepción.

Desde FAPACEL queremos lembrar unha cuestión fundamental: o CEIP Vista Alegre non é propiedade do alumnado actual, nin das súas familias, nin do profesorado. É un ben público. Foi dos nenos e nenas que estudaron nel durante décadas, é dos que hoxe están matriculados e será tamén dos que virán no futuro. Por iso, a súa conservación e mellora non pode depender da insistencia permanente das familias, senón da responsabilidade das administracións públicas.

As familias e a veciñanza que participamos nesta concentración non estabamos alí para pasar a tarde. Estabamos exercendo un dereito democrático recollido na Constitución: o dereito a manifestarnos e a concentrarnos para defender aquilo que consideramos xusto. E o que reclamamos é sinxelo: que os nenos e nenas teñan acceso a unhas instalacións dignas, seguras e acordes coas necesidades educativas do século XXI.

Resulta especialmente decepcionante a reacción da Administración ante esta problemática. Escoitar que, en termos xerais, o centro «está ben» provoca unha profunda desilusión entre as familias e a comunidade educativa. Esa non pode ser a resposta ante unha realidade que é visible para quen pisa diariamente o centro e coñece as súas necesidades.

Comprendemos que as solucións poden requirir planificación. Pode que non sexa posible acometer todas as actuacións de maneira inmediata. Pode que sexa necesario incluílas en futuros orzamentos. Pode que deban executarse por fases. O que non é aceptable é ignorar o problema ou minimizalo. A Administración é un organismo público, si, pero tamén debe ser un organismo humano, capaz de escoitar, comprender e responder ás preocupacións lexítimas das familias.

Non estamos a reclamar privilexios. Estamos a reclamar responsabilidade, visión de futuro e respecto polo patrimonio educativo de toda a cidadanía. Porque cando se deixa deteriorar unha escola pública, non só se deteriora un edificio: detériorase tamén unha parte esencial do compromiso colectivo coa educación.

Desde FAPACEL queremos agradecer sinceramente o compromiso de todas as familias que, día tras día, dedican tempo, esforzo e ilusión á defensa da educación pública. Fano pensando no futuro que queremos para as nenas e os nenos de Galicia.

FAPACEL seguirá acompañando ás familias do CEIP Vista Alegre de Burela e a todas aquelas comunidades educativas que reclamen o que lles corresponde.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios