O PP de Castroverde celebra que a Deputación atenda “a nosa reivindicación” e licite a instalación dun grupo electróxeno para a residencia de maiores

Pablo Figueiras recorda que “levamos moito tempo” defendendo esta necesidade xa que “cando se producen apagóns, os ascensores e outros elementos non se poden empregar, dificultando moito o desprazamento dos usuarios ás súas habitacións”.

Os concelleiros do Grupo Municipal do PP de Castroverde amosaron a súa satisfacción despois de coñecer que a xunta de goberno da Deputación de Lugo aprobara, o pasado 26 de xuño, o procedemento de licitación para a instalación de grupos electróxenos e a adaptación eléctrica de varios centros de maiores da provincia, incluíndo a CAM O Castro de Castroverde.

O voceiro popular no Concello, Pablo Figueiras, sinalou que este paso supón “un éxito da insistencia e do traballo do PP de Castroverde”, xa que o PSOE e o BNG na Deputación “atenden por fin unha demanda que nós xa expuxeramos con firmeza hai meses”. Cómpre lembrar que o Grupo Popular presentou unha moción en setembro de 2025 esixindo que se dotara ao centro deste equipamento indispensable, tras terse constancia de diversos episodios de apagóns que afectaron directamente ao benestar dos residentes e ao traballo do persoal.

Na iniciativa, os populares deron conta de que o edificio da residencia conta con varias alturas, polo que cando falla o subministro eléctrico, os ascensores e outros mecanismos esenciais quedan inoperativos, obrigando aos traballadores a realizar os desprazamentos dos usuarios vulnerables de forma manual.

“Os nosos maiores son persoas especialmente vulnerables e os servizos do centro deben estar a pleno funcionamento as 24 horas do día e os 365 días do ano”, defendeu, ao que engadiu que “con esta aprobación demóstrase que a moción que presentamos en Castroverde era de xustiza e totalmente necesaria para garantir a seguridade de todos”.

O acordo da Deputación de Lugo contempla a aprobación do prego de cláusulas administrativas, do proxecto técnico e a apertura do procedemento aberto de adxudicación. A obra que afecta directamente ao municipio está recollida no lote 3: Obra no CAM Castroverde, dentro dun investimento global que ascende a 278.951,37€ (IVE incluído) para un total de seis centros da provincia.

Desde o Grupo Popular de Castroverde “estaremos atentos ao desenvolvemento dos prazos de execución —que agora comezan cun período de información pública de 20 días— para garantir que o grupo electróxeno sexa unha realidade no Centro de Atención a Maiores O Castro o antes posible”.

Comparte éste artículo
No hay comentarios