Hoxe incorpóranse uns mil fixos-descontinuos contra incendios da Xunta para traballar oito meses ao ano

Son profesionais que ata o 2023 viñan actuando seis meses ao ano e que a partir dese momento, de xeito progresivo, foron incrementando os seus contratos para chegar aos oito meses neste 2025 e a nove no 2026 e anos sucesivos

Hoxe luns inicia o seu despregue, por un período de oito meses -ata o 16 de outubro-, o persoal laboral fixo-descontinuo do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais (SPIF) da Consellería do Medio Rural, que se suma ao resto do operativo autonómico.

Son en total preto dun milleiro de profesionais que ata o 2023 viñan traballando ao longo de seis meses ao ano e que a partir dese momento, de xeito progresivo, foron incrementando os seus contratos para chegar aos oito meses neste 2025 e a nove no 2026 e anos sucesivos.

Este persoal forma parte de diferentes categorías profesionais. A maior parte dos traballadores (arredor dun 84%) son bombeiros forestais, desta categoría en concreto e tamén das de bombeiro-xefe de brigada, bombeiro-condutor ou bombeiro-condutor de motobomba, e o resto divídese entre vixiantes, emisoristas, operadores/codificadores de datos e técnicos.

Deste modo, a Xunta reforza a súa aposta por un servizo contra incendios profesional, público e versátil, cunha medida que terá unha repercusión moi positiva na estabilización destes postos de traballo e na protección do noso medio rural, seguindo a liña do Goberno galego para mellorar as súas condicións de traballo e o servizo que prestan.

É un proceso que completa o desenvolvido nos últimos anos para incrementar progresivamente o período de actuación dos traballadores dun dispositivo formado por máis de 3.000 persoas, das cales actualmente xa dous terzos traballan todo o ano. Unha vez rematado este novo proceso de estabilización, todos os integrantes do servizo traballarán, como mínimo, ao longo de nove meses ao ano. Así pois, referéndase a aposta do Goberno autonómico pola planificación preventiva para loitar dun xeito estrutural contra os lumes en zonas afectadas recorrentemente polos incendios.

Comparte éste artículo
No hay comentarios