O Rio Minho transfronteirizo promocionouse na BTL

O AECT Rio Minho promoveu a semana pasada o territorio do Rio Minho transfronteirizo na BTL (Bolsa de Turismo de Lisboa) como un destino auténtico, sostible e fantástico entre Galicia e Portugal para os turoperadores presentes no evento.

A acción promocional do territorio da AECT Rio Minho tivo lugar no stand de Turismo Porto e Norte e tamén serviu para presentar o proxecto Visit_Rio_Minho_Plus. Con este proxecto os concellos da fronteira do Rio Minho pretenden potenciar o turismo deste espazo transfronteirizo como espazo único entre Galicia e Portugal. O obxectivo principal é contribuír ao desenvolvemento económico do territorio, aproveitando o inmenso potencial que ofrecen os seus recursos, e facelo dun xeito sostible.

A presentación correu a cargo de José Manuel Vaz Carpinteira, director da AECT Rio Minho e presidente de CM Valença; José Manuel Alfonso, alcalde das Neves; e Luís Pedro Martins, presidente de Turismo Porto e Norte. Carpinteira destacou na súa intervención que “O Rio Minho é unha rexión rica en patrimonio natural, histórico e cultural, que cómpre conservar e, ao mesmo tempo, promocionar eficazmente. O noso foco é precisamente isto, protexer e poñer en valor o medio ambiente e o patrimonio local, convertelo nun destino turístico diferenciado, sustentabel, intelixente e rentábel”. Pola súa banda, José Manuel Alfonso destacou o potencial turístico que ofrecen os recursos do Rio Minho como “a gastronomía, o patrimonio histórico, o relax e benestar, a oferta cultural, as actividades ao aire libre e o Camiño de Santiago”. Continuou sinalando o río coma “un dos destinos máis fascinantes e auténticos entre Galicia e Portugal, cunha diversidade única que atrae a visitantes de todo o mundo”, e que sen dúbida “é a fronteira natural entre dous países e, ao longo das súas marxes, podemos atopar unha rica variedade de oferta turística e enogastronómica que atravesa a cultura de ambos países”.

O proxecto Visit_Rio_Minho_Plus está cofinanciado nun 75% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través da convocatoria INTERREG VI-A España-Portugal.

Comparte éste artículo
No hay comentarios