Co lema «A Coruña cos 5 sentidos», a entidade provincial promocionará o sector agro alimentario e gastronómico este martes
Turismo da Deputación leva ata Donosti ‘A paisaxe que sabe’ organizando un encontro no restaurante Muka do Palacio Kursaal este martes 18 de marzo. Baixo o título ‘A Coruña cos 5 sentidos’, porase en valor o sector agro alimentario e gastronómico da provincia da man de produtores e produtoras locais e coa demostración culinaria de André Arzúa, de Espazo Abella Gastronómico.
O vicepresidente e deputado de turismo, Xosé Regueira, destacou o orgullo que supón «poder mostrar en diferentes puntos, e máis concretamente Euskadi, coa súa magnífica tradición culinaria, a calidade dos nosos produtos e do traballo das produtoras e produtores da provincia», destacando o «traballo que realizamos para atraer a visitantes que valoren a calidade e o respecto pola contorna.» Ademais, Regueira sinalou que estas iniciativas resultan «de gran impacto para o posicionamento da gastronomía da provincia da Coruña como un dos nosos piares máis senlleiros.»
O evento, destinado a un público profesional, comezará cun aperitivo onde se degustará empanada de millo negro da Despensa d´Lujo con berberecho de Noia, maridada con vermú Lodeiros. Posteriormente, desenvolverase a comida que estará protagonizada pola materia prima de produtores locais como Mariscos de Barallobre, as IXP ‘Grelos de Galicia’, e ‘Ternera Gallega’ e as DOP ‘Arzúa Ulloa’ e ‘Tetilla’, e o maridaxe dos viños de Adega Entre os Ríos e Adegas Castellun Augusti, da IXP Barbanza e Iria e de Adegas Bordel (IXP Terra de Betanzos) e a mellor xenebra do mundo, Vanagandr, que se elabora en Cambre.
O cociñeiro de Espazo Abella, André Arzúa, será o encargado de elaborar o menú a base de produtos que xa son icona do país como o polbo de Muros, o berberecho de Noia, a vieira de Barallobre, os grelos, a tenreira galega, a pataca de Coristanco, ou o queixo Arzúa Ulloa.