Un crebacabezas do Castro de Esmelle, agasallo para os colexios que visiten o Arqueódromo do Centro Cultural Torrente Ballester 

A Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial Concello de Ferrol – Universidade da Coruña (UDC) vén de crear un crebacabezas para entregarlle aos centros educativos que visiten o Arqueódromo do Centro Cultural Torrente Ballester. Este xogo educativo, deseñado e elaborado pola marca ferrolá “papú”, foi realizado a partires dunha imaxe aérea do Castro de San Xoán de Esmelle, tamén coñecido como Tralocastro, tomada  polo fotógrafo Eloy Taboada durante a última campaña de escavacións arqueolóxicas que tivo lugar entre o 15 de xullo e o 2 de agosto de 2024.

A caixiña que recibirán os centros educativos como agasallo logo da súa visita ao Arqueódromo do Centro Cultural Torrente Ballester contén as 56 pezas que conforman o crebacabezas e, a maiores, un texto explicativo no que figuran todos os achados descubertos ata o de agora neste castro ferrolán. O citado xogo educativo poderá mercarse, nos próximos días, en varios establecementos de proximidade da cidade.

A Cátedra de Arqueoloxía e Educación Patrimonial Concello de Ferrol – Universidade da Coruña (UDC) naceu no ano 2022 e está adscrita á Facultade de Humanidades e Documentación do Campus Industrial de Ferrol. O seu director é o profesor de Historia Antiga, Juan Luis Montero Fenollós.

Foto portada: CAEP

Comparte éste artículo
No hay comentarios