A delegada territorial, Ana Ortiz, presentou unha nova iniciativa para ofrecer información aos peregrinos ante a falta de sinalización na cidade.
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ana Ortiz, presentou este luns o primeiro mapa de servizos do Camiño Portugués da Costa ao seu paso pola cidade creado en colaboración cos hosteleiros. A representante autonómica indicou que “por desgraza, e a pesar das promesas, Vigo segue sendo a única cidade de Europa que non ten a ruta sinalizada, polo que consideramos necesario ofrecer información aos peregrinos para que non se perdan polas nosas rúas”.
Durante o acto, no que participaron representantes da Asociación Hosteleira de Vigo (Ahosvi) e da Federación Provincial de Turismo (Feprotur), presentouse o mapa que incorpora tanto información turística con puntos de relevancia para visitar como a situación de hoteis e lugares de aloxamento.
Ortiz destacou o apoio da Xunta para mellorar e reforzar as empresas que forman parte deste itinerario, con distintas liñas de traballo, que supuxo unha axuda de máis de 1M€ para mellorar a eficiencia enerxética, mellorar os establecementos da cidade e impulsar proxectos tractores no Camiño de Santiago.
Tamén recordou que a cidade foi beneficiaria dun dos Plan de Sostibilidade Turística incluídos no Plan Territorial de Cascos Históricos e Vilas termais deseñado pola Xunta con fondos europeos Next Generation, con máis de 2M€ para Bouzas.
Respecto dos datos do Camiño Portugués da Costa neste ano 2025, a delegada sinalou o gran potencial deste itinerario e a “forte aposta” da Xunta de Galicia para poñer en valor este itinerario “que está a medrar un 20%”. Pola súa banda, a delegada Ortiz sinalou que xa son máis de 44.000 os peregrinos que recolleron a Compostela, con datos que apuntan a outro ano de cifras históricas, indicou.