Fotowalk Galicia visita o pazo de Faramello

A comunidade fotográfica galega realizou unha quedada no concello de Rois na que tamén retrataron a Carballeira de Francos

O pasado domingo 16 de marzo, un grupo de aproximadamente 30 fotógrafos, tanto afeccionados como profesionais, déronse cita no concello de Rois para unha nova actividade da comunidade Fotowalk Galicia. A iniciativa de Sergio García enfocaba a súa segunda actividade do ano na fotografía de natureza e paisaxe, escollendo como marco o pazo de Faramello e os seus arredores.

Arredor das 11:30, o grupo chegou á Carballeira de Francos, onde, de man dun dos participantes, poideron coñecer a súa historia e o seu uso coma lugar de festexo da Feira Cabalar de San Martiño, unha festa histórica, e que celebrada dende 1557, reflicte a afección polos equinos na zona. Deseguido, os fotógrafos adentráronse no roteiro que percorre o fermoso bosque ata chegar á ponte da Paradela, un pequeno paso de pedra de orixe medieval que cruza o Río Tinto e a fontreira entre os concellos de Teo e Brión. Alí, os participantes detivéronse un bo rato para desfrutar da beleza da paisaxe, capturar os reflexos da auga ou apreciar a fauna presente.

Tras unha comida grupal, o grupo chegou ao Pazo de Faramello para o segundo bloque de obradoiros, non sen antes quedar abraiados coas decoracións e paisaxes que os recibiron na súa entrada. Grazas a JFS Drones, os fotowalkers tiveron unha toma de contacto coa fotografía de dron, realizando cada un unha instantánea a vista de paxaro da paisaxe. E para rematar, tocou unha visita guiada de todo o entorno. Da man do Pazo de Faramello, os nosos fotógrafos descubriron a historia da antiga fábrica de papel que albergaba o entorno, a orixe italiana que rodea á familia xestora,ou a introdución da botánica xaponesa, ademais de adentrarse na maxestuosa colección que o pazo alberga dentro da súa vivenda.

En liñas xerais, todos os participantes quedaron moi contentos coa experiencia: «Era a cuarta vez que ía ao pazo de Faramello e sígueme a parecer unha preciosidade, está moi ben coidado e a visita guiada é unha marabilla!», comentou unha das máis asiduas. «Xa teño ido a varias quedadas de Fotowalk e teño que dicir que Sergio curra moito as quedadas, pon moita ilusión, esforzo e traballo e esta quedada foi xenial», engade. «Me gusta la fotografía porque complementa mi trabajo en el dibujo artístico, y también me gusta esta visión colectiva de algo tan individual, ver en el ojo de los demás lo que tú no estás viendo. Son quedadas muy interesantes y las recomiendo a todo el mundo», contou outro dos fotógrafos. Os debutantes tamén marcharon satisfeitos: «é a primeira vez que veño, son principiante en fotografía, e a verdade que me está encantando, así que repetirei».

Fotowalk Galicia agradece a colaboración tanto do dono do Pazo de Faramello, Gonzalo Rivero de Aguilar, coma do concelleiro de xuventude de Rois, Jose Luis Ares Martínez, quen se achegou á quedada para coñecela de primeira man e agasallou aos participantes con varios produtos da comarca.

Eu son Fotowalk Galicia, e ti, a qué esperas?

Comparte éste artículo
No hay comentarios