Mazarelos vén de presentar En loita (2026), un novo proxecto documental que recupera e visibiliza a participación das mulleres no movemento estudantil galego entre o tardofranquismo e os primeiros anos de democracia. A peza, desenvolvida en colaboración coa Asociación Memoria e Cinema e do grupo de investigación HISTAGRA, xa pode consultarse en aberto na súa web.
O documental constrúese a partir das voces de catro mulleres pertencentes a distintas xeracións universitarias: María Xosé Rodríguez Galdo, Nanina Santos Castroviejo, Sabela Mouriz Barja e Celia Balboa Guerra. A través dos seus relatos en primeira persoa, a peza aborda cuestións como o feminismo, a organización estudantil, a memoria e as formas de activismo desenvolvidas en distintos espazos e momentos.
A partir destas experiencias, as protagonistas reconstrúen unha historia colectiva na que distintas xeracións de mulleres se suceden e dialogan entre si, asumindo o relevo da mobilización estudantil en contextos diversos pero nunha mesma liña de loita pola búsqueda de liberdade e pola incorporación do pensamento feminista.
Lonxe de presentarse como un produto pechado, o documental nace como un punto de partida. O proxecto insírese nunha liña de traballo máis ampla da cooperativa Mazarelos centrada na historia oral e na recuperación de memorias invisibilizadas, abrindo un proceso de continuidade que busca incorporar novas voces, materiais e testemuños. Dende o proxecto convidan a persoas e entidades a participar mediante a achega de documentación, relatos ou experiencias vinculadas ás mulleres no movemento estudantil. O obxectivo é construír un arquivo vivo que permita ampliar e complexizar esta historia a partir das experiencias das mulleres.
Este proxecto foi galardoado na VII Edición dos Premios Luisa Villalta a proxectos pola igualdade da Área de Igualdade da Deputación da Coruña.