O BNG en Dozón informa dunha queixa veciñal por corte e poda de árbores sen aviso ao pé da estrada

Cortan e podan árbores a pé da estrada provincial EP-6104 de xeito deliberado sen ningún tipo de aviso previo

Os feitos aconteceron nesta semana. Veciños do lugar da Lagoa senten as motoserras na zona e acércanse a preguntar con sorpresa por eses traballos.

Un dos veciños afectados comenta “aos propietarios das fincas ao pé da estrada provincial, que vai do Alto da Rocha até o Castro, non lles fora notificada ningunha comunicación de orde para a poda ou tala das árbores”.

Segue dicindo: “iso, ao pesar de ser unha competencia de Vías e Obras da Deputación Provincial, non era cousa do Lugués, senón que era unha cacicada do Alcalde de Dozón, Adolfo Campos «Júnior» que é descendente de un veciño do mesmo núcleo rural, da mesma aldea da Lagoa da parroquia de Vilarello; o que agrava o feito de nin se quer pararse a falar con eles”·.

“Logo está o resultado do traballo forestal, é dicir, a leña xerada que estaba sendo levada pola brigada de obras da Deputación de Pontevedra pretendía transportarse fóra do lugar e previsiblemente ía ser vendida sen tratar cos seus donos”.

A queixa tamén se vertía falando da caste de gobernos que temos: “Como é que entran nas propiedades sen previo aviso? e que, polo menos, que non levaran as ramas cortadas e a leña”.

Ante as manifestacións xeradas o capataz encargado das labores de corta indicou que a leña sería entregada a cada titular presente.

A lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia no Artigo 22. Procedemento para a xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas di:

  1. As persoas físicas ou xurídicas responsables, segundo o disposto no artigo 21 ter, procederán á execución da xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa antes do 30 de xuño de cada ano e consonte os criterios establecidos por orde da consellaría competente en materia forestal.
  2. No suposto de incumprimento do disposto no número anterior, os entes locais, no caso do artigo 21 e nas faixas laterais das redes viarias da súa titularidade, así como a consellaría competente en materia forestal nos restantes casos, poderán notificar, de oficio ou por instancia de parte, ás persoas responsables a súa obriga de xestión da biomasa vexetal, advertíndoas da posibilidade de execución subsidiaria no caso de incumprimento e sen prexuízo da instrución do procedemento sancionador que corresponda e da aplicación de multas coercitivas, se é o caso.
  3. Se no prazo máximo de quince días naturais os citados titulares non acometen a xestión da biomasa, as citadas administracións públicas, consonte as atribucións competenciais definidas con anterioridade, poderán proceder á execución subsidiaria dos traballos de xestión de
    biomasa, repercutíndolles os custos ás persoas responsables segundo o disposto no artigo 21 ter.
  4. No caso de execución subsidiaria, as persoas responsables segundo o disposto no artigo 21 ter están obrigadas a facilitarlles os necesarios accesos ás entidades responsables dos traballos de xestión da biomasa, que non requirirán de ningunha autorización para a execución subsidiaria da xestión da biomasa nas redes de faixas de xestión.
  5. Malia o anterior, a consellaría competente en materia forestal poderá proceder á execución directa de traballos preventivos nas redes de faixas de xestión de biomasa establecidas nos artigos 20 bis, 21 e 21 bis, sen necesidade de requirimento previo, cando se declare un incendio forestal que supoña un risco inminente para as persoas ou os bens».

A Deputación de Pontevedra tería que ter notificado aos propietarios o obriga de retirar as árbores e dar un prazo para a execución dos traballos. Transcorrido o prazo sen que os propietarios realizaran os traballos, a deputación terá que facelo cos seus propios medios.

Neste caso, nin deputación nin o concello de Dozón, ambas gobernadas polo partido popular, non comunicaron nada. O alcalde de Dozón segue sen atender á veciñanza tamén neste eido. Carece dun plan de prevención contra os incendios forestais. Non dispón de ningunha xestión municipal nin vía de consulta veciñal para servir á cidadanía ante este tema.

Dende o BNG en Dozón demandamos tamén que se informe e notifique dende o goberno municipal, co seu debido tempo e forma, estes e aqueles outros traballos ou obras realizados no ámbito municipal, sexan ou non de competencia municipal, coa súa norma a aplicar, para que a veciñanza poida saber con antelación ditas accións e poder actuar se así fose o caso.

Non é de recibo que acontezan feitos coma os descritos e as persoas afectadas se sintan atropeladas e incapaces de responder ante este tipo de actuacións, sen ningún tipo de formalismo ou protocolo de comunicación.

Comparte éste artículo
No hay comentarios