A representación sindical da Policía Local de Pontevedra quere trasladar á cidadanía, aos medios de comunicación e ao propio Concello, que tras o recente malestar polas declaracións da Concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Villaverde, nas que afirmaba que a seguridade cidadá «non é cousa da Policía Local», o compromiso coa a cidadanía e total e seguirán traballando cos medios que se dispoñen, para manter os estándares de seguridade en Pontevedra entre os máis altos das grandes cidades de Galicia.
Estas afirmacións resultaron inxustas e preocupantes, xa que descoñecen as funcións e competencias legais atribuídas á Policía Local, así como desvalorizan o traballo diario que realiza este corpo ao servizo da veciñanza de Pontevedra, en materias tan sensibles como a seguridade, a prevención e a convivencia cidadá. A Lei de coordinación de Policías Locais de Galicia, non pode ser máis clara, a finalidade das PPLL é: «No exercicio das competencias que corresponden aos concellos, os corpos de Policía local protexerán o libre exercicio dos dereitos e liberdades e contribuirán a garantir a seguridade cidadá e a consecución do benestar social, cooperando con outros axentes sociais, especialmente nos ámbitos preventivo, asistencial e de rehabilitación.»
Con motivo do evento Multisport 2025, que se celebrará durante os vindeiros fins de semana na cidade,a Policía Local reafirma o seu firme compromiso de garantir a seguridade de todas as persoas asistentes, asegurando que o evento se desenvolva con total normalidade e tranquilidade.
A pesar da falta de apoio institucional reffectida nas declaracións da concelleira, este corpo policial continuará a exercer as súas funcións con responsabilidade, profesionalidade e vocación de servizo público.
Desde a representación sindical, e unha vez silenciado o “ruido político” solicitamos que, nas próximas datas, a Concelleira Eva Villaverde manteña unha reunión cos representantes da Policía Local, co obxectivo de abordar este e outros temas que afectan directamente ao desempeño do corpo e á calidade do servizo prestado á cidadanía.
Representación Sindical da Policía Local de Pontevedra CCOO, SPPME, CIG E CSIF