PDRA define as liñas de acción da manifestación na Pobra do Caramiñal contra a instalación de Altri en Palas de Rei

Na reunión da PDRA celebrada onte en Carril, con asistencia masiva de todos os sectores da ría acordamos os seguintes aspectos organizativos que consideramos debemos trasladar ao conxunto da opinión pública:

1.- Como resultado da reunión mantenida co goberno municipal de a Pobra do Caramiñal, xefe da Policia Local e responsable de protección Civil, acordamos que -para evitar o bloqueo do tráfico de acceso- a manifestación sae da explanada do porto comercial, diante da Lonxa (Confraría da Pobra do Caramiñal) e discurre pola beiramar ata diante do palco, ubicado no aparcamento de buses que está pegada ao mar, á beira da rampa de Chicolino e por detrás do Centro Sociocomunitario. Esta ubicación garantiza o exercicio do dereito fundamental á manifestación xa que conecta a manifestación de barcos coa manifestación en terra e quedan nun mesmo campo visual os barcos e a sociedade que se manifesta. (adxuntamos mapa da Policia Local con indicacións aparcamento)

Desde o palco, que asume a Mancomunidade do Barbanza, van guiar o acto final Isabel Risco, Carlos Blanco e Quico Cadaval. Vai a haber actuacións musicais de Zeltia e Grupo de Músicos (Mini, Allegue, Constenla e Piñeiro). A lectura do manifesto lerase entre tres mulleres: en representación da PDRA, María Porto, mariscadora e Pdta da Agrupación de mariscadoras de Carril; en representación da Plataforma Mina de Touro-o Pino NON, Maricarmen Aguiar, gandeira da zona afectada e en representación da Plataforma Ulloa Viva Marta Álvarez, gandeira en ecolóxico da Ulloa.

A megafonía de 15.000W, a ambulancia e os wateres móbiles asúmeos o concello da Pobra do Caramiñal.

O servizo de orde da CIG (sindicato que forma parte da PDRA) garantirá que arredor do palco só se ubiquen as pancartas das plataformas e que a saída da manifestación se realiza correctamente coa orde establecida de pancartas: faixa dianteira cos tres logos das plataformas, faixa da PDRA, faixa de Ulloa Viva e faixa da Mina de Touro-o Pino NON. Está totalmente prohibido o uso de petardos porque vai haber persoas maiores e nenos e está prohibido pola Subdelegación do Goberno.

FAIXA DIANTEIRA:

Na pancarta dianteira irán as/os patróns maiores de a Pobra do Caramiñal, Rianxo, Cabo de Cruz, Noia e o Grove, as Pdtas/es das mariscadoras de a Illa, Carril e Vilaxoán, tres persoas da Plataforma Ulloa Viva e tres da Plataforma mina Touro- o Pino NON.

Queremos agradecer aos concellos de Pontecesuras, Catoira, Vilagarcía de Arousa, Cambados, a Illa de Arousa, o Grove, Ribeira, a Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo a colocación dunha pancarta chamando á manifestación e a publicación de bandos polos concello de Ribeira, Arzúa e a Illa de Arousa. Ademáis agradecer o claro posicionamento conxunto e público da Mancomunidade do Barbanza e dos concellos de Melide, Arzúa, Toques, a Golada e Santiso, que tamén colocaron pancartas de Altri Non e fixeron chamamento a asistir na Festa do Queixo de Arzúa..

Desde a ría de Arousa xa hai moitos buses cheos, como numerosos os fletados desde todas as cidades e comarcas galegas.

Será necesario que as persoas que acudan á manifestación leven paraugas e chuvasqueiro pola previsión de choiva fina.

2.- No referente á manifestación dos barcos puntualizar que o servizo de orden estará formado polas lanchas de vixianza das confrarías de Cambados, Vilanova, a Illa de Arousa e Rianxo, coordinadas por un barco bateeiro que ten o contacto directo con Capitanía Marítima (da que depende Salvamento Marítimo) e con Fisterra radio para comunicar a cantidade de barcos, duración da manifestación e hora de recollida.

O listado de barcos participantes na manifestación trasládaselle a Capitanía Marítima e son fundamentalmente barcos da 3ª e 4ª lista, ainda que tamén hai barcos da 5ª, 6ª e 7ª lista e dous barcos extranxeiros.

As directrices para a manifestación dos barcos son que saian de cada porto diante os da 3ª lista e detrás os da 4ª para evitar mesturarse e que haxa problemas.

Haberá coordinación entre mar e terra para que os barcos cheguen á Enseada do Caramiñal cando estea a xente concentrada diante do palco, para que a estancia na Enseada sexa a necesaria para exercer o dereito fundamental a manifestarse, voltando a porto unha vez leido o manifesto que se trasladará aos barcos a través dun walki.

O posicionamento dos barcos na Enseada vai depender do vento; en caso necesario aproarán o vento.

As previsións meterolóxicas consultadas permiten realizar a manifestación.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios