Suspéndese a actividade deportiva federada no mar nos concellos afectados todo o día polo fenómeno meteorolóxico adverso
A Xunta vén de activar a alerta laranxa para mañá por temporal costeiro no noroeste da Coruña e na Mariña lucense. Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos da provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) o fenómeno meteorolóxico adverso estará activo desde mañá pola mañá en torno a Bares e mar adentro por mar combinada do oeste ou noroeste con ondas de ata seis metros. Cómpre lembrar que na xornada de hoxe mantense activa a alerta laranxa en todo o litoral galego por vento do noroeste de ata forza 8 e mar combinada do noroeste con ondas de ata 7 metros.
Ademais, a Secretaría Xeral para o Deporte suspende mañá pola alerta laranxa por temporal costeiro no noroeste da Coruña e na Mariña lucense a actividade deportiva federada no mar. A limitación rexerá todo o día nos concellos destas áreas.
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.