En marcha os encontros participativos para o deseño do futuro servizo de autobús urbano da Coruña

Inés Rey: “Queremos que os coruñeses e as coruñesas sexan protagonistas dese novo modelo de transporte público que nos acompañará na próxima década”.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, deu inicio esta mañá aos encontros participativos para definir o novo modelo de autobús urbano. O proceso, que se desenvolverá de marzo a xuño, abrangue 11 encontros co obxectivo de chegar a todos os distritos e favorecer a participación do maior número de xente.

Preto dun cento de persoas asistiron a esta primeira sesión, que contou coa explicación do equipo técnico encargado do estudo e cunha dinámica participativa para recoller achegas da cidadanía. «Queremos que os coruñeses e as coruñesas sexan protagonistas dese novo modelo de transporte público que nos acompañará na próxima década», destacou a rexedora.

Rey sinalou a importancia de deseñar un novo modelo de mobilidade máis eficaz, sostible e inclusivo, adaptado aos cambios urbanísticos e sociais que está a vivir A Coruña: «Estamos ante unha oportunidade única para definir un sistema que chegue a todos os barrios, pense na cidade do futuro e mellore o día a día da cidadanía».

Xunto á alcaldesa, estiveron no encontro o concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage; a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz; a concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa; e a concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz.

O prezo de autobús, o mellor valorado polas persoas que asistiron

De acordo cos primeiros resultados recollidos, as persoas asistentes marcaron o prezo como o aspecto mellor valorado cunha puntuación media de 7,5 sobre 10. Tamén obtiveron valoracións positivas aspectos como as marquesiñas, as liñas e paradas e a accesibilidade. En cambio, a frecuencia das liñas e a intermodalidade co bus metropolitano, ferrocarril ou servizos como a biciCoruña foron sinalados como eixos a mellorar. 

En canto aos ámbitos prioritarios, as persoas participantes identifican a puntualidade e frecuencia do servizo como a principal preocupación, escollida polo 80% dos enquisados. Séguenlle a intermodalidade, a adaptación a eventos masivos, a innovación dixital e a sustentabilidade, mentres que os prezos -aínda que ben valorados- apenas foron sinalados como prioridade.

Estes datos serán clave para orientar as decisións técnicas e políticas no deseño do novo modelo de transporte público da cidade.

Comparte éste artículo
No hay comentarios