“Dorothé Schubarth apoderou todas as súas informantes”

Manuel Rico Verea asina ‘Por que non hei de cantar?’, a publicación da Real Academia Galega co gallo do Día das Letras Galegas das cantareiras e a poesía popular oral.

O alalá que cantaba o seu avó mentres traballaa terra cun arado de pau foi a primeira cantiga que Manuel Rico Verea (Boimorto, 1948) sentiu, aínda que a súa non era unha familia cantareira. “Si que oín cantar moito de pequeno a xente que paraba na casa cando viña das festas. Tiñamos unha taberna e na miña memoria foron quedando aquelas coplas”, rememora o mestre e estudoso da música tradicional, autor de Por que non hei de cantar?, a edición conmemorativa da Real Academia Galega co gallo do Día das Letras Galegas que lles dedica ás cantareiras e á poesía popular oral, que xa pode descargarse na sección de publicacións de academia.gal

O volume, co que será agasallado o público que asista ao pleno extraordinario deste 17 de maio en Malpica de Bergantiños, é un traballo sintético e de carácter divulgativo. Arrinca presentando as cantareiras de Cerceda, Malpica e Muxía nas que se personifica a gran festa da cultura galega, percorre as principais recolleitas históricas da poesía tradicional creada polo pobo e mais as publicacións literarias e musicais, e conclúe cunha lembranza de Dorothé Schubarth (1944-2023), que viaxou por toda Galicia entre finais dos anos 70 e primeiros 80 do século pasado á procura de melodías arcaicas. Froito doinxente traballo da etnomusicóloga suíza é o Cancioneiro Popular Galego, que acometeu coa colaboración de preto de 600 informantes e do académico Antón Santamarina, quenpronunciará este sábado unha das tres alocucións académicas da sesión da RAG.

Manuel Rico define e cancioneiro de Schubarth e Santamarina como “a obra definitiva”, a que modificou a metodoloxía dos novos investigadores aplicando os coñecemento que a especialista trouxera de Europa. “Eles dous fixeron agromar tempos novos para a lírica e a música tradicional oral que transmitiron os últimos informantes dunha sociedade galega con cambios abruptos vividos durante o século XX”, valora.

O estudoso confía en que a celebración das Letras Galegas 2025 facilite que se dea un paso máis e que se produza un cambio na valoración do corpus literario e musical do cancioneiro galego. “Se así é, seguro que viviremos unha nova primavera musical”,agoira. A primeira comezou no momento da propia recolla de Schubarth, que lles fixo ver ás persoas que lle abrían as portas das súas casas e cantaban para ela a importancia do legado cultural que atesouraban. “Dorothé é quen apodera todas as súas informantes, e estas informantes saen do seu silencio e comezan outra ver a transferir eses coñecementos ás novas xeracións”, analiza Manuel Rico. “E así estamos neste momento, nunha explosión que seguramente se debe a ela, unha explosión que potencia a existencia do rol das cantareiras, das pandeireteiras, dos bailadores e das bailadoras, de todo o que conforma o ciclo do cancioneiro tradicional”, engade.

Rico destaca tamén o papel fundamental de Antón Santamarina nun proxecto que marcou un antes e un despois para cultura galega. “Nunca deixarei de reiterar o mérito especial que tivo. Cando Dorothé chega a Galicia en 1978, el foi quen se decatou de que tiñamos diante unha musicóloga que podía facer realidade ese cancioneiro arelado, recolleito con gravación de voz e cun método rigoroso”, afirma. 

Das recollas pedagóxicas á edición de Martínez Espinosa

Manuel Rico coñeceu a Schubarth neses finais dos anos 70, e contou co seu asesoramento para a edición do Cancioneiro popular das Terras do Tamarela (1989). “Ela abriume os ollos sobre moitas cuestións que debe saber un colector de música tradicional”, agradece. O volume coas coplas recolleitas en Boimorto é froito da experiencia pedagóxica que o mestre levou a cabo, no curso 1978-1979, co seu alumnado do colexio Armando Cotarelo, que se converteu en recompilador das coplas que aínda cantaban, ou conservaban na súa memoria, as avoas e os avós da rapazada.

O obxectivo daquel proxecto educativo era prestixiar a lingua e a creación poética oral, facendo conscientes aos nenos e nenas que eses recursos estilísticos literarios que adoitaban estudar eran dominados polos cantores populares, malia non saberen da súa existencia teórica. Foi así como Rico empezou a recoller cantigas e melodías, cando acababa de chegar de volta a Galicia. O seu destino anterior fora a localidade vasca deOndarroa, onde se contaxiara do interese local polas tradicións e historia cultural propias, que o levou a promover e participar en múltiples iniciativas. Foi membro do grupo musical A Quenlla e, entre outras obras que viron a luz despois deste primeiro cancioneiro, levou ao prelo títulos que inciden na aplicación pedagóxica do poesía popular oral como Imos canta-los nadais, Tantarantán tantarantántantarantiña, Heiche cantar un conto, Vente vindo, ven cantando, Cantos de berce e, máis recentemente, Eu ben vin, virivín. Cancioneiro infantil para dicir, contar e cantar.

Actualmente dirixe un taller experimental de música tradicional que publica varios documentos sonoros, entre eles pulguiña e o pulgón ou Arrolínarrolán. A súa última achega é a edición crítica de Canto popular gallego (1940) de Luis María Fernández Espinosa (1876-1860), cadrando coas Letras Galegas das cantareiras. Pecha así certadébeda simbólica, contraída dende os tempos en que estudaba o bacharelato no seminario de Herbón, onde bateu con esta obra do frade franciscano, man dereita de Casto Sampedro (1848-1937), autor do primeiro cancioneiro galego que se confeccionou incorporando as melodías, publicado postumamente en 1942. O de Fernández Espinosa, lembra, foi o primeiro volume que tivo nas mans no que veu plasmados versos que falaban da súa vida na aldea. Versos creados polo pobo e na lingua do pobo que, como o alalá que cantaba o avó mentres araba, constitúen a cerna da gran festa deste 17 de maio.

A Academia celebra o 17 de maio dende Malpica

A Real Academia Galega celebrará a sesión extraordinaria e pública do Día das Letras Galegas no Centro Cívico e Cultural de Malpica de Bergantiños, concello natal das Pandeireteiras de Mens, nas que personifica este 17 de maio que lles dedica ás cantareiras e á poesía popular oral canda Adolfina e Rosa Casás (A Vila da Igrexa, Cerceda) e Eva Castiñeira (Agranzón, Muxía). Durante o pleno, que arrincará ás 12:30 horas, pronunicaranse as alocucións académicas de Ana Boullón, impulsora da candidatura; Antón Santamarina, coautor do Cancioneiro Popular Galego xunto a Dorothé Schubarth; e o expresidente da RAG Xesús Alonso Montero. A parte musical contará coas Tanxugueiras, exemplo senlleiro dos novos vieiros da tradición reinterpretada dende a modernidade. A sesión extraordinaria da RAG é de entrada libre ata completar a capacidade do auditorio e poderá seguirse en directo dende academia.gale a canle de Youtube da Academia.

O programa, de acordo cos motivos que levaron a Academia a promover a candidatura das cantareiras, reivindica dous esteos fundamentais da lingua e da cultura de noso: o legado de tantas mulleres do pobo que, coma as que protagonizan estas Letras colectivas, foron principais creadoras e transmisoras da poesía popular oral, e mais a súa continuidade en novas voces como as de Aida Tarrío e Olaia e Sabela Maneiro, que lles abren á tradición e á lingua novos e exitosos vieiros creativos.

Este será o segundo acto da RAG co gallo das Letras Galegas 2025, tras a presentación da nova edición de Primavera das Letras, o seu proxecto web para o público infantil, no concello natal de Rosa e Adolfina. O alumnado do CEIPP Celso Emilio Ferreiro de Cerceda protagonizou o pasado mes de marzo a estrea da peza teatral As Ferreñas (en vivo e en directo), escrita por Paula Carballeira –autora gañadora do Premio Nacional de Literatura Dramática– e ilustrada por Nuria Díaz. A edición dixital do texto pode descargarse en primaveradasletras.gal, onde tamén se ofrecen actividades interactivas, fichas para colorear, marcapáxinas e chapas sobre as cantareiras. A terceira gran cita das Letras terá lugar xa no outono en Muxía. A terra onde naceu e medrou Eva Castiñeira será punto de encontro de especialistas que afondarán en novas olladas arredor do fenómeno das cantareiras e a poesía popular oral. 

Serie documental e micropezas sobre toponimia

Pero alén das actividades presenciais, a Academia celebra as Letras con intensidade na Rede, con contidos para todas as idades. Mentres Primavera das Letras se centra no público máis novo, a sección das Letras Galegas 2025 de academia.gal ofrece diversos contidos, entre eles a serie documental web Se canto é porque quero, que pode verse ademais en Agalega.gal e que será emitida na G2 o 15 de maio ás 22:30 horas. Tamén en clave audiovisual, A RAG estrea este mes varios episodios da serie Seminario de Onomástica responde, dedicados a topónimos relacionados coas protagonistas deste 17 de maio: Xa están dispoñibles os dedicados a Vila da Igrexa e Cerceda e mais Mens, e as vindeiras semanas estrearanse os de Malpica de Bergantiños e Muxía.

Tres epicentros do canto e do baile

De acordo cos seus estatutos, a Real Academia Galega personificou a celebración do vindeiro 17 de maio nas catro Pandeireteiras de Mens que faleceron hai máis de dez anos: Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda. Xunto a Adela Rey Torrado e Teresa Lema Varela, constituíron o primeiro grupo de cantareiras tradicionais que espallaron polo mundo adiante a poesía popular oral, tras se integraren nos anos 70 do século pasado na Agrupación Folklórica Aturuxo da Coruña. Todas elas son naturais dunha parroquia, e dunha comarca, extraordinariamente rica no tocante á tradición oral e escenario de múltiples recollas en distintos momentos históricos. 

Boletín da Real Academia Galega recolleu dende os primeiros anos de vida da institución algúns destes traballos, entre os que destaca o Cancioneiro de Buño, composto por 84 coplas publicadas en varios números saídos do prelo entre 1911 e 1913. Todas elas foron escoitadas a Dolores Cancela Pérez, labrega de 17 anos natural de Buño, cuxa contribución facilitou que este herdo siga a ser interpretado por cantareiras e bailado en foliadas. Deste e doutros cancioneiros históricos e actuais fálase neste artigo da sección das Letras.

A comezos dos anos 80, Dorothé Schubarth recollería pola súa banda numerosas composicións a varias das Vellas de Mens, aínda que son Rosa e Adolfina Casás Rama as informantes que máis coplas achegaron ao seu Cancioneiro Popular Galego. A musicóloga tamén visitou Muxía, outra terra especialmente fértil no que atinxe á cultura que une música e poesía popular oral, pero naquela altura había xa tempo que Eva Castiñeira vivía na Coruña. A súa voz, xunto á de Florencio da Fontaneira, o Cego dos Vilares, sería rexistrada para sempre no disco Recolleita Vol I (1981), ao coidado de Pablo Quintana e publicado polo selo Ruada. A “descuberta” de Eva foi froito dunha afortunada casualidade, ao ela traballar como asistenta doméstica na casa de Martín Fernández Maceiras, un dos cofundadores da discográfica. Canda a súa irmá Engracia, Eva Castiñeira protagonizou outro fito do cancioneiro popular cando, no verán de 1981, as dúas compartiron escenario co lendario Milladoiro no pavillón de deportes de Riazor. Por primeira vez na historia, unhas pandeireteiras participaban nun concerto dun grupo folk. 

Apoios 

As actividades da Real Academia Galega co gallo das Letras Galegas desenvólvense co apoio de diversas institucións públicas. A sesión do 17 de maio conta coa colaboración do Concello de Malpica de Bergantiños, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia e Innovación. O goberno autonómico e central tamén colaboraron economicamente na publicación conmemorativa do 17 de maio e mais na produción da serie Se canto é porque quero canda a Deputación da Coruña, que financia Primavera das Letras.

Comparte éste artículo
No hay comentarios