O líder da competición fixo xustiza á clasificación: 83-111.
A miraxe durou ata o minuto sete do partido, última vez en que o Santo Domingo Betanzos estivo arriba no marcador (14-13), logo dun arranque prometeder (7-1). A partir de aí, o previsible. O Círculo Gijón, líder incontestable do Grupo AB da Tercera Feb, fixo valer a súa superioridade e cunha notable porcentaxe en tiros de dous puntos (65,4% ao remate do partido), personificada sobre todo en Sharif Idris (19 puntos) e Okafor (18), logrou marchar ao descanso cunha renda que xa foi inalcanzable para os de Doc (38-57). A partir de aí, e a pesar dos intentos de Brezo (17 puntos) e Abelleira (16), secundados na anotación por Sanjurjo, Latas e Dani Martín (10 puntos cada un), os de Nacho galán fixeron o “chicle” entre os 15 e 20 puntos, sen maiores problemas, e se a renda chegou aos 28 finais foi porque os asturianos, lonxe de levantar o pé do acelerador, disputaron os últimos minutos coma se o partido estivese en xogo, mesmo un último ataque a falta de oito segundos que puxo o 83-111 final cando a falta de pouco máis de tres minutos o resultado era de 18 abaixo para os betanceiros (77-95). Así valoraba o partido o capitán Jorge Abelleira: “Sabíamos que era o partido máis difícil de toda a temporada, perante un equipo moi superior fisicamente, e aínda que comezamos ben, en canto nos atascamos en ataque, eles xa non deron demasiadas opcións”.
Coincidiu no diagnóstico Antonio Diaz, “Doc”, o adestrador betanceiro: “Son o equipo máis difícil de toda a liga. Tivemos moitos problemas co balanzo e claro, cando non tés balanzo defensivo perante un equipo que corre coma eles… Con ese xogo xeran moitísimas canastras”. Ambos os dous coinciden en que a liga se xoga xa non en Chantada, onde intentarán sumar perante un difícil rival tocado polas lesións a semana que vén, senón nos partidos a cara de can contra Xiria, Estudiantes e Bosco.
A dificultade dunha liga coma a Tercera FEB (antiga liga EBA) queda demostrada co feito de que nin sequera un ratio final de 10 v/16 d (máis dun 38% de partidos gañados) garante a permanencia na categoría.
Próxima cita, sábado 29 18.30h en Chantada.