O voceiro popular, José Manuel López, indica que “moito nos tememos que a causa dos constantes atrasos na data de finalización das obras escóndense fins electorais” xa que “seguramente tanto Marisol Morandeira como José Tomé queren sacar unha foto antes da campaña das municipais de 2027”.
Os concelleiros do PP de Guitiriz amosáronse moi preocupados “polo lento avance” das obras do centro de atención a maiores do municipio e esixen á alcaldesa que “apele a que a Deputación axilice os traballos” xa que a “veciñanza está cansa dos constantes atrasos nos traballos”.
O voceiro popular, José Manuel López, recorda que “periodicamente revisamos os traballos” que se están a realizar na residencia e “comprobamos como avanzan moi despacio, a pesar de que xa se produciron varias demoras na data de remate”, sendo a última data concretada xullo de 2025 “unha data que seguramente non se vai a cumprir”.
Ante esta situación, José Manuel López indica que “moito nos tememos que detrás de todos estes atrasos o único que se esconden son fins electorais” para que “cando estean a piques de finalizar as obras, a alcaldesa e o presidente da Deputación poidan sacar unha foto xusto antes da campaña das eleccións municipais de 2027”.
Neste senso, o voceiro popular en Guitiriz esixe “altura de miras” tanto á alcaldesa Marisol Morandeira como ao presidente da Deputación e que “pensen nos veciños de Guitiriz en lugar de pensar na forma de buscar máis votos”.
A residencia de Guitiriz non só sufriu continuos atrasos, senón que o edificio cedido polo propio Concello para a construción da residencia – a coñecida como Casa da Botica, un edificio emblemático, con valor histórico e elementos patrimoniais catalogados situado no centro da localidade – foi derrubado polo goberno provincial.