Rubén Arroxo: “A aprobación definitiva dos orzamentos municipais permitiranos continuar coa mellora da cidade”

Arroxo: «En pouco máis dun mes veremos Carril dos Loureiros rematado, completando a transformación integral do barrio de Recatelo».

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, destacou hoxe á entrada do pleno municipal a importancia da aprobación definitiva do orzamento municipal para o ano 2025. «Esta aprobación permitiranos seguir avanzando nos proxectos previstos para o desenvolvemento da cidade», explicou Arroxo, que destacou proxectos como a transformación do Carril das Flores, a entrada do Camiño Primitivo no casco histórico, «que se peonalizará e se converterá nun espazo máis acolledor». Este proxecto inclúe a supresión do túnel existente, mellorando significativamente o entorno patrimonial da cidade.

Ademais, os orzamentos inclúen partidas importantes para repavimentar as rúas de Lugo e construír unha rotonda no cruce entre a Ronda Fingoi e Alfonso X, o que mellorará a circulación na zona da cidade, e partidas importantes para as festas do San Froilán e a actividade cultural, incluíndo a programación do Auditorio Fuxan os Ventos.

Arroxo anunciou que nas vindeiras semanas comezarán obras que estaban previstas en orzamentos anteriores, como a peonalización da rúa da Milagrosa. «A peonalización do carril dos Loureiros está moi avanzada e se prevé que remate en pouco máis dun mes», destacou.

Comparte éste artículo
No hay comentarios