CCOO ‘tumba’ as bolsas de emprego do Concello de Lugo e forza a rectificación das bases

A Unión Comarcal de CCOO Lugo manifesta a súa satisfacción pola sentenza ditada polo Xulgado do Contencioso-Administrativo nº2 na que se estima por completo o recurso presentado por unha traballadora do Concello de Lugo, declarando nulas as resolucións municipais que impedían o seu acceso ás ofertas de emprego da Bolsa de Ordenanza.

A resolución xudicial conclúe que o Concello vulnerou a literalidade das bases reguladoras das bolsas ao considerar indebidamente que a demandante se atopaba en “situación de ocupada” polo feito de estar desempeñando un posto de “mellora de emprego” como auxiliar administrativo. Segundo recolle a sentenza, esa interpretación municipal non está recollida nin permitida nas bases, e non cabe aplicar analoxías que prexudiquen aos aspirantes.

O xulgado establece que as bolsas de emprego de distintas categorías profesionais son independentes e que o Concello non pode trasladar situacións dunha bolsa a outra como se se tratase dunha lista única. Por iso, declara a nulidade das resolucións impugnadas, “por seren contrarias ao ordenamento xurídico”.

Como consecuencia da estimación do recurso, o Xulgado obriga ao Concello de Lugo a retrotraer o procedemento e a realizar de novo os chamamentos previstos.

Así mesmo, impón ao Concello o pagamento das custas procesuais.

CCOO Lugo reclama transparencia e respecto polas normas.

Desde CCOO Lugo valoramos esta sentenza como un importante precedente que reforza a necesidade de que a Administración Local cumpra estritamente as bases dos procesos selectivos e evite decisións discrecionais que xeren desigualdades ou prexuízos ás persoas candidatas.

O sindicato lembra que seguirá velando pola defensa dos dereitos do persoal, e esixe ao Concello que execute a sentenza sen demoras e garanta a máxima transparencia nos chamamentos de todas as bolsas municipais.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios