Recordou que Galicia ten recibido 32.000 M€, dos cales o 65% se corresponden con asignacións dos fondos estruturais da Política de Cohesión.
O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, destacou hoxe a contribución dos fondos europeos ao crecemento da Comunidade e á mellora da calidade de vida dos galegos.
Durante a inauguración en Ribadeo da segunda edición da mostra itinerante para dar a coñecer os distintos programas que, neste eido, están en marcha e as oportunidades de financiamento que ofrecen, Corgos recordou que Galicia ten recibido 32.000 millóns de euros destes fondos. “Uns recursos –incidiu- que contribuíron de maneira definitiva ao desenvolvemento social e económico da nosa Comunidade”.
O conselleiro de Facenda precisou que o 65% destes recursos correspóndense con asignacións dos fondos estruturais da Política de Cohesión –FEDER e Fondo Social- e teñen gran relevancia tamén á hora de mellorar o crecemento e a converxencia de Galicia, como proban os datos do noveno informe sobre cohesión económica, social e territorial da UE, que sitúan a Galicia como unha das CC.AA. que presenta, nas últimas dúas décadas, un crecemento do PIB per cápita superior á media da UE. Non en van, a comunidade galega é a rexión que máis creceu en PIB per cápita de España: un 3,7% de media anual, entre os anos 2000 e 2023, case un punto por riba da media anual de España (2,9%).
Unha mostra que percorrerá numerosas vilas ata setembro
Logo de que esta exposición permaneza en Ribadeo ata o vindeiro mes de abril, poderase ver tamén, en diferentes datas, ata o mes de setembro, en Viveiro, Monforte, O Porriño, O Barco de Valdeorras, Verín, Pontevedra, Sanxenxo, Noia e Santiago.
A través de 16 paneis informativos, a cidadanía poderá coñecer a historia dos fondos europeos: os diferentes tipos –FEDER, Fondo Social Europeo, Fondo de Transición Xusta, Plans Estratéxicos da PAC, Cooperación Territorial Europea e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura-; e como contribúen, entre outros aspectos, a desenvolver e mellorar a capacidade de investigación, innovación e dixitalización, a protexer e fomentar o patrimonio cultural e natural, a impulsar a mobilidade sostible ou a favorecer a cooperación territorial.
Nesta liña, e a modo de exemplo, Miguel Corgos referiuse a varias iniciativas financiadas en Ribadeo con Fondos de Cohesión, entre as que destacou as actuacións de Patrimonio Natural na Praia das Catedrais, o acondicionamento e mellora dos tramos do Camiño de Santiago do Norte, ao seu paso polo concello, as axudas a pemes en materia de investimento produtivo ou o financiamento de ciclos de Formación Profesional.