A área sanitaria de Vigo é onde o Servizo Galego de Saúde está a realizar máis cirurxías e máis consultas con menos esperas
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, avanzou hoxe que o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo vivirá en 2025 un ano de gran crecemento con novos espazos para a hospitalización, as probas e os tratamentos.
O titular da carteira sanitaria do Executivo galego foi a personalidade invitada no almorzo informativo que organizou Executive Forum España, no que abordou as bases e os obxectivos da sanidade pública galega: a calidade da atención e os resultados en saúde.
Neste acto, o conselleiro estivo acompañado pola delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz; polo xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada; polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Alfredo Silva; e polo xerente da área sanitaria, Javier Puente.
Tal e como detallou Gómez Caamaño, o Álvaro Cunqueiro crecerá coa ampliación e reforma da área da Unidade de Hospitalización a Domicilio, así como co novo Hospital de Día Médico, que se porá en marcha antes do verán, e que incrementará nun 30 % o tratamento diario de pacientes con cancro.
Tamén destacou o conselleiro, a próxima ampliación da Unidade de Hospitalización Psiquiátrica Infanto-Xuvenil, que se porá en marcha este primeiro trimestre do ano, e que incluirá unha área de transición á idade adulta para pacientes de entre 16 e 18 anos.
Outras melloras destacadas por Gómez Caamaño son o novo servizo de Cirurxía Maxilofacial no Meixoeiro, que está empezando a traballar e que contará cun espazo adecuado a través dunhas obras que se licitarán nas vindeiras semanas; e a cuarta sala de endoscopias no Hospital Público Álvaro Cunqueiro, que estará operativa o 17 deste mes.
Incidiu o conselleiro que a área sanitaria de Vigo é onde o Servizo Galego de Saúde está a realizar máis cirurxías e máis consultas con menos esperas, estando os tempos medios de agarda por baixo da media galega e estatal tanto en cirurxías como en consultas. A espera para operar en Vigo é 52 días menor que no conxunto de España. Ademais, un vigués espera 40 días menos que a media de España por unha consulta. A cidade olívica bate tamén récords con 175 cirurxías programadas nun só día no hospital Álvaro Cunqueiro.
Polo que atinxe á mellora da atención primaria na área de Vigo, o conselleiro citou a entrada en funcionamento no 2021 do novo centro de saúde de Bouzas, cun investimento de 1,2 millóns de euros. Este ano porase en funcionamento o CIS Olimpia Valencia, ao que se destinan 15 millóns.
Outros investimentos importantes para melloras deste primeiro nivel asistencial, son os nove millóns investidos no novo centro de saúde de Moaña e na reforma do consultorio de Domaio; ou os seis millóns empregados na reforma do centro de saúde do Porriño, no que se está a poñer en marcha un proxecto asistencial para a aplicación de tratamentos oncolóxicos. O Goberno galego tamén traballa nos proxectos dos novos centros de saúde de Mos e de Ponteareas.
Iniciativas para o presente ano
A nivel autonómico, a primeira das medidas a levar a cabo este ano que avanzou o conselleiro na súa intervención é a aprobación dun novo Plan de Recursos Humanos, que permitirá unha organización racional e eficiente do persoal do Servizo Galego de Saúde nos vindeiros anos, tendo en conta as necesidades do sistema, dos pacientes e dos traballadores.
Tamén este ano o departamento sanitario galego aprobará un novo Plan de Saúde Mental, que incrementará os recursos e estenderá a atención psicolóxica aos servizos de atención primaria, poñendo o foco na infancia e na adolescencia.
Igualmente no 2025, o conselleiro agarda aprobar, no primeiro trimestre, a Lei de protección da saúde dos menores e de prevención das condutas adictivas, que situará Galicia á vangarda do Estado ao prohibir a venta de bebidas enerxéticas aos menores e de equiparar os vapeadores ao tabaco convencional.
Xunto ao anterior, outra das grandes medidas que levará a cabo Sanidade é a finalización da obra civil do Centro de Protonterapia de Galicia, que comezará a tratar pacientes en 2026 e será o primeiro centro público en España destas características.
Outro fito destacado polo conselleiro é o novo impulso que vén de acadar o Centro de Fabricación de Terapias Avanzadas, ao recibir a autorización para poder traballar con organismos modificados xeneticamente; ou o traballo do Comité Molecular de Tumores, recentemente constituído.
En materia de investigación, o conselleiro puxo en valor o Proxecto Xenoma Galicia, que suporá realizar o xenotipado de 400.000 galegos para avaliar o risco de padecer certos tipos de cancro; ou a iniciativa MamoRisk, co que se busca cambiar o actual modelo de cribado de cancro de mama a outro máis personalizado.
Resultados en saúde
Na súa intervención, o conselleiro incidiu en que son moitas as iniciativas postas en marcha pola Xunta en materia sanitaria que garantirán avanzar no camiño adecuado, que é medir o que se fai procurando sempre resultados en saúde. A tal efecto, a Estratexia Galega de Resultados en Saúde 2030 asegurará que o que se fai na sanidade pública repercute no benestar e a saúde dos pacientes.
O conselleiro tamén resaltou o plan posto en marcha para o control e seguimento das incapacidades temporais que, entre xuño e decembro, comprobou que máis de 13.600 persoas, o 67 % dos casos analizados, xa estaban en condicións de coller a alta, rexistrándose só na área de Vigo preto de 1.500 altas inducidas pola inspección. Este plan continúa funcionando neste ano, contando cunha unidade especial de reforzo.
Gómez Caamaño referiu que un dos retos actuais da sanidade é a falta de profesionais, un problema que afecta a toda España, e que está en mans do Goberno do Estado poder atallar. Pola súa parte, e para poder atopar solucións, a Xunta traballa en reter talento, atraer novos profesionais, ofrecerlles as mellores condicións laborais, potenciar as súas capacidades e reducir a carga burocrática que resta tempo á atención sanitaria.
O titular da carteira sanitaria agradeceu o esforzo e a implicación dos máis de 43.000 traballadores do Servizo Galego de Saúde e amosouse orgulloso dun sistema sanitario preparado para responder as 24 horas do día, os 365 días do ano nos 313 concellos galegos, sendo referencia en materia de vacinación e de transplantes de órganos, ou co programa de cribado neonatal máis ambicioso de España.