A sentenza do Tribunal Superior de Catalunya exime a Dani Alves da súa condea de catro anos e medio por agresión sexual a unha moza á que o propio fallo dos xuíces acusa de falta de «fiabilidade» e aboga pola presunción de inocencia dun señor que cambiou de versión dos feitos cinco veces. Que iso si que amosa ser fiable de máis para unha xustiza que non considera a palabra dunha muller digna de ter en conta porque claro, se vas ou estás cun home, algo quererás. Non vai ser só tomar unha copa.
É a mentalidade patriarcal que sufrimos en tantos ámbitos da vida, sempre a sospeita sobre as mulleres, de volta ese auxe contra o feminismo e as feministas, que existen para arruinar vidas de pobres homes que querían cubrir as súas necesidades varonís, como toda a vida sen que pasase nada nada. Agora para todo hai que pedir permiso. Resulta tan paradóxico coma vomitivo que despois animen a que denuncies cando es agredida do xeito que sexa, porque non creerán unha palabra do que contes ou das probas que fagan os expertos que examinen ás vítimas. Mentres non aparezas asasinada, non será para tanto. A impunidade volverá campar as súas anchas, como se o tempo non pasara nunca por ese cheiro a alcanfor dos tribunais españois. Eses mesmos que preguntan canto medía a saia que levabas posta e por que tan curta. Presunción de inxustiza para moitas vítimas que se absterán de ser novamente humilladas e violentadas….Porque os agresores teñen mil caras. E algún, tamén toga.