Os betanceiros afrontan o tramo final de liga co imperativo de sumar.
Comeza o tramo final de liga e o Ineltrón Santo Domingo Betanzos comeza a ter máis ou menos claras as súas contas: con dúas vitorias -tres, para saír de toda dúbida- a permanencia en Tercera FEB está conseguida sen necesidade de esperar o carrusel de todas as fins de temporada: arrastres, liberación de prazas por ascensos, ascensos non materializados, renuncias, permutas… O primeiro envite chega esta fin de semana: Chantada. O rival dos betanceiros, un aspirante ao playoff en horas baixas (as derrotas e as lesións levaron o equipo de Fafián a carecer de toda oportunidade de promoción) intentará cambiar o rumbo perante os seus seareiros e romper a inesperada racha de 6 derrotas consecutivas, unha situación inédita nun equipo acostumado a estar arriba temporada tras temporada. Fose como for, e aínda contra un equipo que non xoga nada, os de Doc non o van ter nada doado. Os chantadinos contan cun roster máis ca suficiente para reporse da baixa do seu base estrela, Carlos Noguerol, e de seguro han pór na pista ese xogo coral tan de seu, acirrado por unha bancada decote entregada ao equipo.
Así valora o choque Antonio Díaz “Doc”, o adestrador dos betanceiros: “Eles están sen Noguerol, e nótano, pero case gañan a Círculo Gijón sen el, o que da unha medida do competitivos que son. É unha pista moi difícil sempre, e non vai ser diferente por moito que leven varias derrotas consecutivas. Teremos que ser fortes mentalmente todo o partido e prepararnos para un partido de alto nivel físico”. O encontro celebrarase o sábado 29 ás 18:30h no pavillón municipal de Chantada e será transmitido pola plataforma Tiivii.
Recta final de varias competicións de canteira
Polo que toca ao resto de conxuntos do club, a xornada da última fin de semana de marzo vén marcada polo inicio da recta final de varias categorías. Así, se os infantís de J Caamaño Arquitecto de Liga Galega xogan en Montrove o último partido da temporada regular (sábado 17h), coa vista posta nos cruzamentos, os cadetes de Grelo xogan xa o primeiro partido de cuartos de final da súa liga fronte ao Basquet Coruña U15 (domingo 10h, Ventorrillo). Arranca con todo a xornada o venres cos júnior medíndose a Cambre nas Mariñas (20.45h) e inauguran a xornada sabatina, ás 10h, o Grelo sénior feminino contra Kempape en Riazor. Os infantís de La Piccola teñen unha xornada dobre en Cee, as júnior de Infor-B xogan na Coruña contra os Rosales e as infantís de Warnier Informática en Betanzos ao igual ca as cadetes de Decornaveira. O equipo de Segunda Autonómica visita a pista do Seis do Nadal e La Goleta xoga a volta dos seus cruces de semifinal contra Adfro defendendo unha renda de +16.