A Irmandiña de afeccionados sae de Pontevedra para xogar en Ferrol

A RFGF estende a máis lugares a presenza da Irmandiña de afeccionados. A selección, que xoga contra Asturias o partido de clasificación para a fase final española da Copa das Rexións UEFA, deixa por fin a provincia de Pontevedra despois de tres lustros e celebrará o seu primeiro partido da historia no norte. O encontro está marcado para o próximo mércores, ás seis da tarde, no campo da Malata. Será a primeira vez que este recinto ferrolán acolla un partido de calquera selección galega. Até este momento, só o Manuel Rivera e o Javier Gómez Noya recibiran algunha das Irmandiñas en Ferrol.

A selección sae de Pontevedra para o partido 50

Tivo que chegar un presidente de Ferrolterra, Pablo Prieto, para mudar as dinámicas dos anteriores, Meana, Liñares e Louzán, deslocalizando á galega afeccionada da provincia de Pontevedra e, particularmente, da comarca do Salnés.
Por primeira vez, a Irmandiña dos non profesionais (obvio xénero porque, infelizmente, a feminina non existe) xogará en Ferrol, pero tamén na provincia da Coruña e, igualmente, no norte de Galiza. Escolle para a ocasión un referente tan bonito como o de celebrar o partido número 50 da súa historia.
Dos 49 anteriores, todos menos un foron oficiais e todos menos dous foron xogados na provincia de Pontevedra. Alí, no cuadrante suroeste, foi onde gañou por primeira vez a fase española da Copa das Rexións UEFA (Portonovo, 2010) e alí foi onde celebrou o título continental desa mesma competición (Vilagarcía, 2023).
Dos 49 partidos celebrados, 17 foron en Galiza. 12 triunfos, 4 empates e só unha derrota, contra Valencia, en Coia (2018), enfeitan un bo historial.
O primeiro partido xogado en Galiza foi o amigable contra Braga, celebrado en Balaídos, o recinto máis grande no que xogou até agora a branco e celeste (o segundo é o Ta’Qali, en Malta) e os dous primeiros oficiais foron os únicos non xogados en territorio pontevedrés. Nos festivos de comezos de decembro do 2010 xogou contra o País Vasco en Ourense e contra Murcia na Valenzá.
A partir de aí, un partido en Vilalonga, catro en Portonovo, tres máis en Vigo, un na Illa de Arousa, catro en Vilagarcía e un en Cambados. Curiosa e enfermiza presenza polos campos pontevedreses, pois deses quince, once foron no Salnés e nove destes once na era Louzán.

Volver a Ferrol case unha ducia de anos despois

A primeira vez que unha selección galega visitou Ferrol foi en 1962. O 10 de febreiro, na cuarta xornada do grupo D do Campionato de España xuvenil, a Irmandiña desta categoría derrotaba por 2-1 a Biscaia no Manuel Rivera. Catro veces máis xogaría a xuvenil no demolido recinto do Inferniño.
A xuvenil, reconvertida en sub’18, xogou seis veces na cidade naval. Dúas no Manuel Rivera e catro no Javier Gómez Noya. O equipo só perdeu un, en 1987 contra Castela (0-2).
Tamén a galega sub’16 xogou no campo de Caranza, que adoptou o nome do extraordinario triatleta. Tres veces pisou aquel sintético, que se encheu de bágoas o 23/05/2014, logo de caer contra Estremadura na quenda de penaltis que definía o pase á final do Campionato de España. Como se fora un castigo contra a cidade, nunca máis caeu unha Irmandiña por Ferrol até o partido do próximo mércores.
Precisamente, dúas seleccións citadas, Biscaia e Estremadura, visitaron o Manuel Rivera nos dous únicos partidos xogados en Ferrol pola galega sub’15.
Outros cinco partidos foron os celebrados pola nosa sub’14 na antiga cidade departamental. No último, no Gómez Noya, a infantil deixou fuxir o paso á final do Campionato de España ao perder contra Cataluña por 1-2 (22/05/2009).

En Ferrol naceu a feminina absoluta

En canto ás Irmandiñas femininas, Ferrol é o berce da absoluta, onde a galega naceu antes da súa legalización. O único partido xogado por unha galega feminina na cidade ferrolá foi no Manuel Rivera, cando perdeu por goleada o trofeo Valdespino contra a Castela do histórico Rafa Muga (30/08/1975). José Mañana foi o seleccionador da Irmandiña protohistórica.

Foto: A Malata. (c) RFGF

Comparte éste artículo
No hay comentarios