Os edís do PP din que abandoaron o pleno porque están cansos “de que non se nos facilite a información que reclamamos e de que o señor Rei Arca crea que pode negarnos algo que nos corresponde na nosa tarefa de exercer a oposición”.
Os seis edís que conforman o grupo do Partido Popular de Padrón decidiron abandonar a última sesión plenaria despois de que o rexedor, Anxo Rei Arca, se negase, unha vez máis, a facilitar información referente a asuntos que teñen que ver coa actividade do Goberno Local e non contestase as preguntas formuladas pola oposición.
Os populares acusan ao rexedor de “falta de transparencia” e dun “manifesto escurantismo” no proceder do Goberno Local, e subliñan que a oposición ten dereito a exercer o control sobre a actividade do executivo municipal no pleno.
“Estamos cansos de que non se nos facilite a información que reclamamos e de que o señor Rei Arca crea que pode negarnos algo que nos corresponde na nosa tarefa de exercer a oposición”, apuntan os populares.
Neste sentido, dende o Partido Popular de Padrón recordaron que, con data 5 de marzo, solicitaron copia do expediente das obras e actuacións realizadas na área recreativa da desembocadura no río Sar-Ulla, así como da instalación de dúas columnas na entrada da vía de acceso peonil e de bicicletas que conduce a dita área.
Antes, o 14 de febreiro, presentaron un escrito solicitando información sobre solicitudes de comunicación previa de obras dende o ano 2022 ata o 2024. E tamén as solicitudes de licencia de obra maior do mesmo período. Lonxe de quedarse aquí, os populares reclamaron en pleno coñecer o custoi total das obras realizadas na Gardería Municipal temporal de Carcacía.
Ademais destes tres exemplos, con data 20 de setembro os populares pediron un listado desagregado dos gastos derivados de distintas actividades e festas como o alumeado do Nadal, as Festas de Pascua 2024, as Festas do Santiaguiño 2024 e as da Feira Medieval, así como os gastos do merchandinsing da etapa de La Vuelta Ciclista a España.
“Lonxe de falicitar toda esta información, o que nos atopamos por parte do Goberno Local son trabas e problemas para acceder a uns documentos de interese público e que deben servir para fiscalizar o labor do executivo”, lamentan os populares.
Ante esta situación, e despois do vivido no último pleno, dende o Partido Popular advirten de que seguirán a reclamar os seus dereitos como grupo da corporación e adiantan que, lonxe de quedarse aquí, seguirán a insistir en pedir información sobre todo o que atañe ao día a día da xestión municipal.
“Non imos a consentir que o señor Arca Rei se comporte como se o Concello de Padrón fora a súa corte. A veciñanza ten dereito a coñecer como se están a xestionar os seus recursos”, concluíron.