A Praza Castelao de Corcubión acolleu este luns 31 de marzo a mobilización solidaria da Costa da Morte con Palestina, que continúa a sufrir a ocupación e xenocidio dos sionistas.
Douse lectura a un manifesto no que se reitera que non caemos no esquecemento do sufrimento da poboación palestina. Ademais, denunciamos que o goberno galego continúa sen ser capaz de realizar unha mínima declaración institucional a favor dos dereitos humanos ou de condena do xenocidio.
O pobo palestino ten dereito a non renderse. Ten dereito á resistencia en todas as súas formas. Ten dereito a librarse da ocupación e, como todos os pobos do mundo, ten dereito á autodeterminación. Ten dereito a que regresen as refuxiadas e os refuxiados. E, sobre todo, ten dereito a unha vida en paz, nunha terra libre.