O Centro Sociocultural O Vello Cárcere acollerá desde mañá, 3 de abril, esta mostra que permanecerá aberta até o vindeiro 29 de maio.
Mañá, xoves día 3 de abril, a partir das 19:30 horas, a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, dentro da programación de actividades que desenvolve este ano, fai a segunda parada da exposición ‘Humor para mudar o mundo. Que graza!‘ de Pepe Carreiro, desta volta na cidade de Lugo.
Composta por 50 pezas de creación do autor, que participará do evento realizando unha visita guiada explicativa dos cadros expostos ademais do seu proceso creativo, chega até a cidade amurallada despois da súa estadía na cidade da Coruña ao longo do pasado mes de febreiro e parte do de marzo. Serán os espazos do Centro Sociocultural O Vello Cárcere, na praza da Constitución, os que acubillen as creacións de Pepe Carreiro até o xoves 29 de maio.
A mostra ten previsto percorrer varias cidades e vilas do país, itinerancia que se realiza en coordinación coa rede de asociacións, na actualidade máis de 30, que ou ben xa están federadas no seo da entidade cultural, ou ben teñen establecido unha colaboración permanente no espallamento da cultura do país, e ten por obxecto popularizar a un dos creadores artísticos e humoristas gráficos galegos máis polifacéticos e pertencente á segunda idade de ouro do humor gráfico na Galiza.

Pepe Carreiro é un dos debuxantes galegos máis relevantes dos últimos 40 anos, colaborando en xornais como Faro de Vigo, Diario de Galicia, La Voz de Galicia, El Mundo (edición Galiza) e Xornal de Galicia, e en semanarios e revistas como A Nosa Terra, Can sen Dono e Xo! Considerado o mellor satírico da prensa, cunha gran forza ridiculizadora e destrutiva, que o acabou retirando dos xornais desde 2009, aínda que segue colaborando en revistas como Tempos Novos ou A Trabe de Ouro e no xornal Nós Diario. E un mestre da síntese expresiva, tanto desde o punto de vista do debuxo como do texto. Neste sentido, encádrase de cheo na tradición do humor gráfico galego inaugurada por Castelao. Foi un gran impulsor do humor gráfico en Galiza, coa fundación das propias revistas Can sen Dono e Xo!.
‘Humor para mudar o mundo. Que graza!‘ é un título escollido á mantenta pois recolle moi ben o que pretende, Pepe Carreiro, coa súa forza creativa nas súas dúas sentencias: unha primeira, frase en serio e pretenciosa (Humor para mudar o mundo), que logo, na segunda, cunha contestación burleira (Que graza!) rebaixa as ínfulas da primeira parte e lle dá un baño de realidade.
Convidando ao seu medio a participar deste acto inaugural e agardando contar coa presenza, reciba un cordial saúdo.
Esta actividade realízase coa colaboración do Concello de Lugo e o Centro Sociocultural O Vello Cárcere e lévase a cabo grazas ao Programa FO203 de subvencións a entidades sen fins de lucro para a realización de actividades culturais durante o ano 2025 da Área de Cultura da Deputación da Coruña.