Colocaranse paneis na cuberta do pavillón Municipal da Laracha para abastecer a diferentes edificios municipais e alcanzar un autoconsumo do 56,7 %.
O Concello adxudicará nos próximos días a execución dun proxecto co que se dará un paso importante na mellora da eficiencia enerxética e na minoración das emisións de CO2 para facer da Laracha un municipio máis sostible e respectuoso co medio ambiente.
Trátase da instalación dun sistema de produción de enerxía fotovoltaica na cuberta do pavillón polideportivo Municipal da Laracha que abastecerá na modalidade de autoconsumo colectivo con compensación de excedentes a Casa do Concello, o Edificio de Servizos Múltiples, o Edificio Administrativo, a biblioteca da Laracha, a escola infantil ‘A Galiña Azul’ e a Casa da Cultura. Este sistema fotovoltaico é especialmente favorable para a configuración dos consumos dos edificios municipais, que están concentrados nas horas centrais do día coincidindo coa franxa de maior produción eléctrica.
Os paneis solares que se instarán alcanzarán unha potencia total de 99 Kw. A cuberta do pavillón polideportivo Municipal da Laracha foi o lugar escollido ao ser considerado o máis idóneo por permitir aproveitar a pendente existente, pola súa orientación sur e porque o impacto visual será mínimo.
Segundo os estudos realizados polo Concello, o autoconsumo con respecto ás cifras actuais será do 56,7 %, o que implicará tanto a redución de máis da metade das emisións de CO2 como da factura eléctrica nas citadas instalacións.
O proxecto está valorado en 119.500 euros e será cofinanciado entre o Concello e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) ao abeiro da convocatoria de subvencións para programas vinculados ao autoconsumo eléctrico e ao almacenamento no sector das administracións públicas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia Europeo. En concreto, a achega económica dese organismo autónomo da Xunta de Galicia é de 86.625 euros. A parte restante será financiada con fondos municipais.
Montaxes Eléctricas S.L. será a empresa que executará os traballos ao ter presentado a oferta máis vantaxosa para o Concello entre as once que concorreron á licitación aberta para a contratación das obras.