A Laracha, presente na terceira conferencia estratéxica do Concello de Arteixo celebrada hoxe

Na mesa redonda tamén houbo representantes do municipio organizador, A Coruña, Carballo e Culleredo.

O Concello da Laracha formou parte da terceira conferencia estratéxica do Concello de Arteixo que se celebrou hoxe no centro cívico do municipio veciño con tres mesas redondas compostas por especialistas, responsables políticos e representantes de diversos sectores económicos e sociais.

A participación do Concello da Laracha foi na segunda mesa redonda que a concelleira de Promoción Económica, Rocío López, compartiu co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo; José Manuel Lage, primeiro tenente alcalde da Coruña; Evencio Ferrero, alcalde de Carballo; e Cristina Pardo, primeira tenente de alcalde de Culleredo. Moderados por Josep María Pascual, os representantes destes cinco municipios destacaron a importancia de ter unha visión do territorio máis ampla para que a veciñanza poida beneficiarse das estratexias cooperativas que desenvolvan os Concellos. 

Rocío López destacou o eixo industrial como elemento vertebrador, considerando que “temos que ter en conta que unha persoa que vive na Laracha pode traballar en Arteixo ou na Coruña ou viceversa, o cal nos obriga a ter estratexias de colaboración entre os Concellos”. En xeral, os cinco representantes municipais estiveron plenamente de acordo en que están vinculados por diversas interdependencias, e que debe existir sempre unha comunicación a través da que se traballe en cuestións industriais, de loxística e de mobilidade. 

Acudiron como público a este evento preto de trescentas persoas, convidadas como parte do tecido económico e social arteixán, ademais de representantes doutras administracións e tamén do Estado.

Comparte éste artículo
No hay comentarios