O Craega celebrará o Foro Ecogastronómico de Galicia (FEGAG) en Santiago de Compostela

CASA Ria, situado en Santiago de Compostela, acollerá o mércores 9 e o xoves 10 o Foro Ecogastronómico de Galicia (FEGAG), unha iniciativa impulsada polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) e que conta coa colaboración da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). O obxectivo deste foro é debater e achegar á sociedade galega a riqueza e diversidade do sector ecolóxico, analizando a súa amplitude e complexidade desde diversas perspectivas. No acto estará presente a conselleira do Medio Rural, María José Gómez; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e o presidente do Craega, Francisco López Valladares.

Ás 12:00 horas do mércores comezará o primeiro dos coloquios, moderado polo xornalista Manuel Cruz. Esta primeira mesa de debate centrarase nas sinerxías da agricultura ecolóxica e as denominacións de orixe-indicacións xeográficas protexidas coma un modelo de beneficio mutuo. Participarán Benigno Pereira, de A Corga (Ribeira Sacra, Craega); Xosé Luis Carreira Valín, de Arqueixal (Arzúa-Ulloa, Craega); Natalia Rodríguez, de Corisca (Rías Baixas, Craega); Juan Carlos Juncal, de Dime Salnés (Mexillón de Galicia, Craega), e Isabelle Gómez, de Traloagro (Ternera Gallega, Craega).

Logo dunha pausa para comer, na que se degustarán saborosas elaboracións ecolóxicas, comezará arredor das 15:30 horas o segundo coloquio, sobre atrancos e oportunidades no desenvolvemento do mercado ecolóxico en Galicia. Rafael Rivadulla, de Agronovo Ecoloxía, será o encargado de moderar a conversa, na que estarán presentes Rosa Celia Otero, da Asociación Provincial de Amas de Casa, Consumidores e Usuarios; Roberto López, da Distribución Maiorista EcoMundo; María do Mar Pérez Fra, do departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC); Juan Soriano, director do Proxecto Ecosocial Entrelampo, e Francisco Couso, director rexional de Carrefour Galicia. O primeiro día rematará cunha merenda ecolóxica.

Na xornada do xoves día 10 terá lugar a última das mesas redondas, ás 12:00 horas: “A excelencia da gastronomía ecolóxica galega: tradición, sostibilidade e innovación”, moderada por Jorge Guitián, creador de contido sobre gastronomía. Neste coloquio estarán Libia Estévez, chef coordinadora de comedores escolares Km 0; Julio Mato, chef I+D en Culinaria; Martín Mantilla, chef Restaurante Berso, e Begoña Vázquez, chef Restaurante Regueiro da Cova. O encontro chegará ao seu fin logo dun xantar con produtos ecolóxicos certificados.

Con este evento, O Craega reafirma o seu compromiso coa promoción da agricultura ecolóxica en Galicia, fomentando o debate, a innovación e a colaboración entre os diferentes axentes do sector para seguir impulsando un modelo alimentario máis sostible, saudable e de calidade.

O aforo é limitado, co cal recomendamos inscribirse previamente nesta ligazón: https://forms.gle/8pQcjeCUX2baZQsk6

Comparte éste artículo
No hay comentarios