Paula Prado destaca a aposta do PPdeG pola remuda xeracional para que o rural galego teña moito presente e aínda máis futuro

A secretaria xeral do PPdeG, Paula Prado, destaca a aposta da súa formación pola remuda xeracional no sector agrogandeiro para garantir que o rural galego siga tendo moito presente e aínda máis futuro.

Esta tarde visitou a 41ª edición da Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu) no concello de Cospeito acompañada polo alcalde Armando Castosa, o senador José Manuel Barreiro, e outros representantes do PP na comarca.

Unha visita na que puido comprobar de primeira man o traballo incansable, o compromiso coa excelencia e o amor pola terra que hai detrás de cada un dos exemplares. O cal, en opinión da número dous dos populares galegos, confirma que os gandeiros de Galicia son o motor que impulsa o rural creando emprego, xerando riqueza e mantendo viva a súa contorna.

Consciente disto, o presidente Alfonso Rueda comprometeuse nas eleccións a adoptar unha serie de medidas específicas para este sector que, a día de hoxe, xa pasaron do dito ao feito. É o caso do aumento da porcentaxe de axudas que concede a Xunta para os seguros agrarios, o impulso da incorporación das persoas mozas ás gandarías ou o establecemento de axudas para a recría en pureza das razas autóctonas en perigo de extinción.

Paula Prado subliñou así mesmo a importancia do sector nunha provincia como a de Lugo, que, tal e como apuntou, debe estar aberta a calquera tipo de investimentos que xeren emprego, actividade económica, riqueza e contribúan a un futuro máis verde e sostible para Galicia no seu conxunto.

Comparte éste artículo
No hay comentarios