Preto de 40 persoas participarán desde o luns na nova edición da Universidade Sénior en Ortigueira

O luns 7 de abril, ás 17:00 horas, terá lugar no Teatro da Beneficencia a inauguración da nova edición do Programa de Democratización do Coñecemento, impulsado pola Universidade Sénior da Universidade da Coruña e dirixido a persoas maiores de 50 anos de Ortigueira. Nesta edición, preto de 40 participantes formarán parte desta iniciativa educativa

A Universidade Sénior, o programa universitario para maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, pon en marcha neste 2025 a 5ª edición deste Programa de Formación Universitaria Específico para Adultos Maiores, grazas ao financiamento da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello de Ortigueira. O programa desenvolverase entre os meses de abril e maio no Teatro da Beneficencia de Ortigueira.

O programa consta de tres módulos temáticos, con sesións teóricas e prácticas impartidas por profesorado da Universidade da Coruña, dúas veces por semana. Os módulos abordarán diversas áreas de coñecemento:

MÓDULO I: HUMANIDADES E CIENCIAS SOCIAIS

  • 7 de abril: «A Dirección Artística no Cine», Profa. Victoria de León Sanjuán
  • 8 de abril: «A xestión do común: Unha visión desde a economía e os comics», Prof. Manuel Gómez Suárez 
  • 23 de abril: «Literaturas do Mundo: unha viaxe á orixe dos libros», Profa. Elena Martín Cancela

MÓDULO II: CIENCIAS DA TERRA E TECNOLOXÍA

  • 28 de abril: «Historia dalgunhas invasións biolóxicas en Galicia e a súa xestión actual», Profa. Mª José Servia García
  • 29 de abril: «ADN Antigo e Evolución Humana: unha viaxe ao pasado a través dos nosos xenes», Profa. Gloria Mª González Fortes
  • 5 de maio: «Descubrindo a Intelixencia Artificial: retos, aplicacións e ferramentas», Prof. Álvaro Michelena Grandío

MÓDULO III: CIENCIAS DA VIDA E DA SAÚDE

  • 12 de maio: «Enfermidades Cardiovasculares e Diabetes», Prof. Luis Saleta Canosa
  • 13 de maio: «O Cambio Climático: causas e consecuencias», Prof. Salvador Fojón Polanco
  • 19 de maio: «Boas Prácticas para o Coidado do Benestar Psicolóxico», Prof. Carlos Freire Rodríguez

Clausura e xornada cultural na Coruña

O Programa formativo rematará cunha xornada de visitas académicas e culturais na Coruña, onde terá lugar o acto de clausura e entrega de diplomas, o día 20 de maio de 2025.

A través deste programa, a Universidade Sénior continúa achegándose ás persoas maiores de 50 anos de Ortigueira e a súa comarca, atendendo as súas inquietudes e necesidades formativas, como vén facendo desde a súa primeira edición en 2021.

Comparte éste artículo
No hay comentarios