O Calvo Basket Xiria, primeira final para os betanceiros no que queda de liga.
Quedan tres xornadas da Liga Regular na Tercera FEB e o Ineltrón Santo Domingo Betanzos, logo dunha serie de 5 derrotas consecutivas que compromete unha temporada ata o momento bastante satisfactoria, tanto por xogo como por resultados, ten de diante a primeira das súas finais se desexa cumprir os obxectivos de permanencia co que iniciou o curso 24/25. O rival, o Calvo Basket Xiria, na mesma situación ca os de Doc, non vai ser, dende logo, un rival doado. Ningún o é, a estas alturas da competición, nas que todos os equipos, agás contadas excepcións, teñen algo en xogo. Equipo duro na casa, con varios xogadores cedidos polo Basquet Coruña de ACB, ao que os carballeses están vinculados (Thiam, Carrizo e Nikolas Cebrián), o Xiria xa deu mostras das súas posibilidades no partido da primeira volta, no que gañaron ao Ineltrón por 85-97.
Así valora o encontro Antonio Díaz “Doc”, o adestrador do club betanceiro: “Eles teñen un xogo moi dinámico, con bo movemento de balón e varios xogadores capaces de asumir a anotación. Polo tanto, trátase de facer un partido serio a nivel colectivo en defensa e xogar cos nosos puntos fortes. É importante tamén mellorar a porcentaxe de tiros de 3, que non nos está acompañando nos últimos partidos”.
O encontro terá lugar no Pavillón Vila de Noia, da vila carballesa, o sábado ás 17h.
Xornada no Vales Villamarín para os equipos mini
Polo que toca ao resto de conxuntos do club, nunha xornada en que descansan, entre outros, os equipos clasificados para os cruces ou fases finais das súas respectivas ligas (os infantís de J. Caamaño Arquitecto e os sénior de La Goleta), a fin de semana do 5-6 de abril depara unha xornada en que o Vales Villamarín vai acoller varios partidos. Alí xogarán as mini feminino de Coruña Interiores fronte a Compañía de María (sábado 10h), os premini 2015 contra Liceo (sábado 11.30h), os premini 2016 fronte a Los Rosales e as júnior de Infor-B contra Montrove (sábado 20h). Outros partidos de interese son os do Grelo Cadete contra Basquet Coruña U15, no que supón a volta dos cuartos de final da Coruña (sábado 12h no Carregal), ou o das sénior feminino contra Ensino Lugo (domingo 10h).