A Universidade Sénior da Universidade da Coruña acollerá, entre o 7 e o 11 de abril de 2025, unha nova edición do Intercambio Académico co programa universitario para maiores da Universitat Politècnica de València (UPV). Durante cinco días, os participantes compartirán actividades académicas, sociais e culturais nos campus da Coruña e Ferrol.
Entre o 7 e o 11 de abril de 2025, a Universidade Sénior, o Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña, organiza unha nova edición do Intercambio Académico coa Universitat Sènior da Univérsitat Politecnica de València (UPV).
A delegación da UPV, encabezada pola vicerreitora Mª Salomé Cuesta Valera e a directora da Universitat Sènior, Ana Muñoz Gonzalo, estará composta por doce estudantes maiores de 50 anos. O programa inclúe a integración do alumnado visitante nas sesións ordinarias das materias impartidas na Universidade Sénior da UDC, así como visitas culturais a espazos museísticos emblemáticos das cidades da Coruña e Ferrol, como o Museo de Belas Artes, o Museo de Arte Sacro e o Museo da Construción Naval.
O martes 8 de abril, os participantes serán recibidos no Pazo Municipal do Concello da Coruña polo concelleiro de Educación, Juan Ignacio Borrego Vázquez, nun acto ao que asistirán o vicerreitor de Titulacións e Internacionalización da UDC, Moisés Canle López, e a directora da Universidade Sénior da UDC, Matilde García Sánchez. Ao día seguinte, a subdirectora da Universidade Sénior, Elena Arce Fariña, acompañará a delegación nunha recepción na Casa Consistorial de Ferrol, presidida pola concelleira de Educación e Universidade, Patricia María Cons Formoso.
Este programa de intercambio académico, que se desenvolve desde 2016, busca fomentar a mobilidade do alumnado, promover a integración cultural e territorial e favorecer o intercambio de boas prácticas no ensino superior para persoas maiores.