Formoso participou nesta visita guiada ao maior plató virtual de España cun centenar de representantes das entidades veciñais, aos que lles explicou cómo o CEI beneficiará o desenvolvemento económico e a promoción da Coruña como enclave de referencia para a produción audiovisual
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou esta tarde na visita guiada que a Deputación da Coruña ofreceu nas instalacións do Coruña Estudo Inmersivo (CEI) a arredor dun centenar de representantes de 34 asociacións de veciños e veciñas da cidade herculina.
Durante o encontro, os asistentes tiveron oportunidade de comprobar o funcionamento da tecnoloxía de vangarda do maior plató vitual de España e cómo a Deputación espera que esta infraestrutura contribúa ao desenvolvemento económico da área, a creación de empregos especializados no sector técnico e audiovisual e á promoción da propia cidade.
«O CEI supón un revulsivo nun sector no que Galicia xa somos unha potencia nacional. Con él multiplicamos as posibilidades do sector e aspiramos a situar á cidade como un hub audiovisual de referencia en Europa», apuntou o presidente. Neste sentido, Formoso detallou que o Coruña Estudo Inmersivo ten previsto acoller producións e rodaxes de cine, televisión e publicidade chegados de diferentes partes de España e de Europa.
Formoso lembrou que o CEI será xestionado por Pedralonga Estudios, unha alianza formada por dez das principais empresas galegas do sector audiovisual. Esta colaboración entre o sector público e privado garante unha xestión eficiente e unha aposta decidida pola excelencia, a innovación e a proxección internacional. «A unión fai a forza, e este proxecto demostra que un sector unido será aínda máis potente e competitivo», apuntou o presidente.
Este edificio de 2.000 metros cadrados conta cunha tecnoloxía inmersiva de última xeración, que permite a creación de calquera escenario real ou imaxinario sen necesidade de saír do plató. Dun deserto a unha cidade futurista, dunha persecución en Londres a un atardecer en Fisterra, as posibilidades son infinitas para os creadores audiovisuais. A instalación integra 758 paneis LED 4K que permiten crear escenarios envolventes, dinámicos e hiperrealistas que reproducen con absoluta precisión calquera localización real ou ficticia que poden interactuar con elementos físicos en tempo real.
Ademais, está deseñado para atender as necesidades do cine, a televisión, a publicidade, os videoxogos e outras formas de contido audiovisual, abrindo un abano de oportunidades para a innovación e a experimentación creativa.
O impacto do CEI vai moito máis alá dunha infraestrutura tecnolóxica de primeiro nivel que supuxo un investimento de 9 millóns de euros, cofinanciados pola Deputación da Coruña e fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España- Next Generation EU. Supón unha aposta estratéxica pola modernización e profesionalización do sector audiovisual, impulsando a creación de emprego e a retención de talento en Galicia. Hoxe, a industria audiovisual representa máis do 30% da actividade cultural da nosa comunidade e mantén máis de 4.500 postos de traballo. Grazas ao CEI, este sector reforzará a súa competitividade e capacidade para captar grandes producións, consolidando o ecosistema creativo e tecnolóxico de Galicia.
Con este proxecto, Galicia entra de cheo na era da produción virtual, ofrecendo unha infraestrutura única en España e referencial en Europa. «O CEI non só mellora as capacidades do sector audiovisual galego, senón que o coloca no mapa europeo da industria», afirmou o presidente.
O acto de hoxe supón o inicio dunha rolda de visitas guiadas coas que a Deputación da Coruña pretende abrir as portas do CEI a estudantes do sector audiovisual, colexios da contorna ou diferentes actores sociais e económicos que poidan estar vinculados dalgún xeito a este proxecto.