Rubén Arroxo defendeu no Pleno Municipal as partidas do orzamento 2026 da Tenencia de Alcaldía. Arroxo comezou a súa intervención afirmando que o orzamento do 2026 «é o proxecto máis importante dunha corporación municipal, e este ano permitiranos facer fronte aos os retos actuais da cidade nun momento moi especial para Lugo», en mención a que se superou por vez primeira neste ano a cifra de 100.000 habitantes.
O Tenente Alcalde destacou na súa intervención algunhas das partidas máis relevantes, comezando polas áreas de Mobilidade e Infraestruturas, onde se gardan 900.000€ para repavimentacións e asfaltados de rúas, que serán acompañados por 100.000€ para o repintado da sinalización horizontal, partidas que segundo Arroxo «permiten avanzar no mantemento tanto da sinalización, que hai que renovar ano a ano, como nas rúas en sí, dado que Lugo ten un elevado número de rúas que cada ano requiren un investimento importante».
No apartado de mellora da circulación, Rubén Arroxo anunciou 600.000€ para realizar unha serie de rotondas que permitirán mellorar a fluidez de cruces agora regulados por semáforos. «En concreto, serán catro rotondas na Avenida de Magoi, unha no cruce entre a avenida de Breogán e a rúa do Colexio Casás, e outra para mellorar o cruce entre Angelo Colocci e Santo Graal». Trátase de puntos nos que se mellorará tanto a fluidez do tráfico como a seguridade viaria, ao reducir as posibilidades de colisión entre vehículos. As zonas industriais contarán con 250.000€ para o mantemento dos seus viais, «algo que permitirá que máis empresas opten por situarse nos polígonos de Lugo».
Por outra banda, Arroxo anunciou 238.000€ para o acondicionamento da unión de San Lázaro coa Louzaneta, «un vial bastante deteriorado que unha vez amañado pode ser unha importante vía de comunicación para o barrio, a contorna do Miño e o Fluvial, dando unha saída ben acondicionada á Louzaneta». Ademáis, atendendo a reclamacións veciñais, incluíronse 125.000€ destinados á humanización de Río Eo e Otero Pedrayo, no espazo da antiga discoteca Iguazú. «Crearemos un novo espazo de convivencia veciñal, avanzando na cidade dos 5 minutos».
125.000 € para a humanización do entorno do Río Eo, Otero Pedrayo, no espazo onde máis coñecido porque é onde estaba a antiga discoteca Iguazú, naquela zona.
Neste ano avanzarase tamén na mellora das contornas escolares, con 100.000€ para a renovación da proximidade do Colexio Illa Verde «un proxecto de calmado do tráfico con ampliación de beirarrúas, tal e como se fixo este ano no colexio Rosalía, e que vai permitir mellorar a seguridade peonil na zona transitada polas nenas e nenos», explicou Arroxo, que engadiu «seguimos atendendo ás peticións da comunidade educativa, avanzando na mellora de todos os centros escolares». Na zona norte investiranse 20.000€ para o acondicionamento da rúa Lavandeira, na Piringalla, unha rúa que se atopa nun avanzado estado de desgaste e na que se realizará unha intervención integral, e ademáis resérvanse 160.000€ para a renovación do alumeado público da rúa Cambria e 150.000€ para novo mobiliario urbano.
Por último, no que respecta á área de Mobilidade e Infraestruturas, Arroxo anunciou 970.000€ para a construcción dunha pasarela sobre a Ronda da República Arxentina, «para eliminar esa barreira urbanística que ten esta rúa», explicou Arroxo, que engadiu «esta avenida mide case 1 km, e só se pode cruzar na parte norte e na parte sur, esta pasarela permitirá crear un novo punto de cruce no medio da rúa e ademáis unirá dúas zonas verdes, e creará un itinerario polo que se vai poder ir camiñando dende o centro ata o Miño».
Arroxo continuou facendo unha exposición das partidas da área de Cultura, onde se reserva 1.093.000 € para o San Froilán. O Tenente Alcalde explcou que «para os concertos, só van destinados 475.000€, porque o San Froilán ten un importante gasto en gasto en produción, dende escenarios, postos de venta, ou iluminación ornamental entre outros gastos». Arroxo destacou a colaboración da Deputación de Lugo «para paliar o gasto en producción e permitirnos contar con máis cartos para concertos», e criticou «que a Xunta siga aportando só 15.000€, unha cantidade irrisoria que agardamos que algún día mellore».
A área de Cultura reserva 40.000€ de investimentos no Vello Cárcere, «que se van investir entre outras cousas no pintado do exterior edificio, que está comezando a deteriorase», ademáis de 50.000€ para a renovación de diversos elementos no Auditorio Gustavo Freire, 45.000€ para o Fuxan os Ventos, 15.000€ para a Banda de Música e 20.00€ para as salas museísticas municipais.
A programación cultural anual conta cun orzamento de 650.000€ «que nos permitirán seguir mantendo unha gran cantidade de actividades non só nos catro edificios, senón tamén a importante selección de actividades de rúa que hai ao longo do ano». Por último, Arroxo anunciou 53.800€ para a cabalgata de reis «co obxectivo de repetir o éxito da organizada para este ano».
No tocante á área de Participación, a Praza de Abastos contará con 20.000€ adicados ao arranxo de locais e 50.000€ para acometer melloras, instalando sistemas de extracción de gases «o que permitirá instalar negocios de hostalería nalgún dos postos baleiros». O Cemiterio Municipal contará con 157.000€ para diversos gastos no Cemiterio Municipal, onde se proxecta adquirir material necesario para a instalación como unha serie de cadeiras, un cortacéspede ou un dumper, ademáis de facer arranxos nos espazos comúns e de acometer a ampliación do espazo para mascotas. Ademáis, a área de Participación adica 50.000€ para realizar melloras na nave das asociacións.
A Concellería de Educación contará neste 2026 con 70.000€ para a mellora dos edificios educativos municipais, ademáis de 24.000€ para a climatización da EIM Gregorio Sanz e 30.000€ para as alarmas dos CEIPs. Rubén Arroxo afirmou que «o Concello vai gastar 1.062.696€ nos comedores escolares, é importante ter en conta esta cifra porque este contrato corresponde á Xunta de Galiza». Segundo Arroxo, «con ese diñeiro poderiamos facer moitas cousas, pero temos que destinalo aos comedores porque, evidentemente, non imos deixar aos nenos e nenas sen comedor porque a Xunta non faga o seu traballo».