Nace Muxía Cultural para consolidar unha escena cultural forte na vila

O obxectivo do proxecto é facer de Muxía una referencia cultural, mellorando a calidade de vida dos habitantes do Concello, e atraendo máis persoas á vila.

O proxecto Muxía Cultural comeza a súa andaina este mes de abril co obxectivo de consolidar unha escena cultural forte en Muxía, poñendo en valor todo o que a vila e a comarca teñen que ofrecer, eorganizando eventos que combinen a tradición, a gastronomía, a contorna e o patrimonio da zona. Trátase dun proxecto do Concello de Muxía e a cooperativa cultural Horta Creativa que busca mellorar a calidade de vida dos habitantes do Concello e atraer máis persoas á vila.

Muxía Cultural presentouse este mércores 9 de abril nun acto na Biblioteca Municipal de Muxía ao que asistiron o alcalde de Muxía, Javier Sar; a concelleira de Cultura, Sandra Vilela; a técnica de Cultura, Miriam Carril; e os integrantes de Horta Creativa, Manu Nogueira, David Fernández, Sergio Tarrela e Adrián Alcaina.

«Muxía Cultural é o proceso de creación dunha escena cultural que vai transformar o noso Concello e darlle unha nova identidade fundamentada na cultura, na unión da nosa xente e na aposta por un modelo de 
desenvolvemento sostible que favoreza a nosa comunidade», destacou Vilela, quen asegurou que este proxecto é «un compromiso co futuro cultural de Muxía».

Así, explicou que o proxecto non é só unha iniciativa, senon «un novo xeito de entender o noso territorio, e de recoñecer e valorizar o que somos a través da nosa historia, as nosas tradicións e a nosa cultura». Por iso, buscarase a unión de todos os axentes sociais e culturais da vila, para que «se sintan parte dunha grande familia que avanza xunta».

Pola súa banda, o alcalde de Muxía celebrou a posta en marcha desta «ambiciosa iniciativa» e destacou tanto a aposta do Concello pola cultura, como o traballo feito por Horta Creativa. «Uns rapaces que decidiron quedar vivir na vila e apostaron por promocionar a cultura, é algo moi destacable», asegurou.

«Facer que Muxía sexa un lugar máis atractivo para vivir»

«Por escena cultural entendemos a unha comunidade comprometida e con inquedanzas culturais. Noutras palabras, que lle gusta asistir a concertos, a obras de teatro ou a calquera outro evento relacionado coa cultura», indicou Nogueira.

«É un proxecto que nace coa mirada posta no longo prazo, e na xuventude e no futuro de Muxía, para que o día de mañá haxa máis artistas locais, xa sexan músicos, de artes plásticas ou de artes escénicas. O obxectivo é mellorar a calidade de vida dos habitantes do Concello, e facer que Muxía sexa un lugar máis atractivo para vivir», compartiu.

Nese senso, referiuse á perda de habitantes que sofren a maioría de municipios da Costa da Morte,  motivo «polo que necesitamos que veña xente a vivir aquí, e ofrecendo unha oferta cultural dinámica aumentamos 
as posibilidades de que a xente elixa Muxía para vivir». E lembrou que «o turismo en Muxía é moi importante, hai moitos negocios onde o turismo é a súa principal fonte de ingresos», polo que «con este proxecto tamén 
fomentamos que Muxía sexa máis atractiva para visitar».

Así mesmo, «consideramos que asistir a eventos culturais é un ocio sano e didáctico, polo que entendemos que non hai mellor maneira que intentar facer de Muxía unha referencia cultural da zona, esto solo nos pode 
traer beneficios», asegurou.

Por todo iso, dentro da programación terán cabida distintas expresións artísticas, sendo a música unha das protagonistas. Durante o ano pasarán por Muxía artistas de todo tipo: dende música tradicional, ata Rock and 
Roll ou músicas do mundo. «Vemos fundamental que tamén haxa variedade en canto aos estilos, xa que iso é o que crea as inquedanzas culturais, que son tan importantes para o proxecto», engadiu Nogueira.

A Festa do Congro será o primeiro evento de Muxía Cultural os vindeiros 18 e 19 de abril, cunha programación especial que inclúe a degustación do típico congro no porto de Muxía, música en vivo e concertos. Catuxa Salom e Os Bugis actuarán na noite do venres no Malecón e a música tradicional terá tamén un espazo protagonista cos Cantos de Taberna e as actuacións de distintas formacións da comarca.

No acto anunciouse o seguinte evento, que será co gallo do Día das Letras Galegas. Será un mes enteiro de actividades que incluirá un acto na honra da muxiá Eva Castiñeira, unha das cantareiras homenaxeadas este 
ano.

Comparte éste artículo
No hay comentarios