A Xunta aproba a cuarta ampliación do crédito das axudas para a transformación de frotas de vehículos de transporte por estrada por importe de 4 M€

A liña de axudas máis demandada é a de achatarramento de vehículos, seguida da adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono.

Diario Oficial de Galicia publica hoxe unha cuarta  ampliación do orzamento por un importe de 4 millóns de euros da orde de 2025. Nesta ocasión a ampliación non se efectúa con fondos procedentes  do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, senón con cargo aos orzamentos xerais do Estado, tal e como prevé o Real Decreto-Lei 4/2024, de  26 de xuño, polo que se prorrogan determinadas medidas para afrontar as consecuencias económicas e sociais derivadas dos conflitos en Ucraína e Oriente Próximo e se adoptan medidas urxentes en materia fiscal, enerxética e social.

O prazo de presentación de solicitudes rematou cunha gran demanda por parte dos profesionais do sector coa presentación de máis de 1.500 solicitudes, o que motivou a aprobación de varias ampliacións de crédito procurando a cobertura máis ampla posible dos expedientes presentados.

O crédito inicial da subvención situábase en máis de 12,8 millóns de euros na convocatoria da orde de 2022 a través da Dirección Xeral de Mobilidade, pero, a boa acollida da iniciativa, propiciou un incremento do orzamento en 7,5 millóns en xaneiro de 2023, cunha segunda ampliación de 9 millóns en outubro de 2023 e unha terceira por 1,3 millóns en outubro de 2024, á que se suma esta cuarta por 4 millóns de euros. Coas sucesivas ampliacións incrementouse o crédito nun 171% ata os 34,8 millóns de euros.

Estas axudas, dirixidas a empresas privadas prestadoras de servizos de transporte por estrada (tanto viaxeiros como mercadorías) ou empresas que realicen transporte privado complementario, co obxecto de transformar as súas frotas favorecendo a descarbonización e a aposta por tecnoloxías verdes.

As liñas de actividade contempladas na convocatoria abranguen cinco ámbitos: achatarramento de vehículos, adquisición de vehículos de enerxías alternativas baixas en carbono, retrofit ou modificación da forma de propulsión de vehículos, implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos e  adquisición de semirremolques para autoestradas ferroviarias. En relación ás solicitudes recibidas, as actividades con mellor acollida foron as de achatarramento -case o 94% do total- seguida da adquisición de novos vehículos con enerxías baixas en carbono.

Cómpre lembrar que trala redistribución do crédito dispoñible entre as distintas actividades que compoñen a axuda, a listaxe de agarda que existe é única. Deste modo, xa que as solicitudes formuladas para a actividade xa superaban o importe total dispoñible, aquelas que se presentaron a partir do 14 de marzo de 2024 para calquera das cinco actividades pasaron a unha listaxe de agarda común.

Comparte éste artículo
No hay comentarios