Demandan ao goberno local que atenda as reclamacións da veciñanza pola inseguridade nesta zona de forte crecemento de poboación
O grupo municipal socialista de Arteixo presentou no pleno as reclamacións da veciñanza da Travesía de Arteixo polas numerosas deficiencias na seguridade viaria da zona.
O portavoz socialista, Martín Seco, explica que no entorno da urbanización onde se atopa a ferretería Clickfer “hai unha serie de deficiencias na seguridade viaria que ben poderían ser atendidas polo goberno local” e sinala que “esta é unha zona de forte crecemento da poboación coa construción dun número importante de urbanizacións nos derradeiros anos e a chegada de moita rapazada ás vivendas”.


Os socialistas enumeran algunas das solicitudes da veciñanza, como a finalización de toda a beirarrúa na marxe esquerda da travesía en dirección a Carballo, entre o centro de saúde e dita urbanización, para dar seguridade aos viandantes, así como a regulación do tráfico peonil e de vehículos na zona.
Ademáis solicitan o desprazamento da caseta de obra dunha promotora para deixar libre a beirarrúa que neste momento impide o paso dunha cadeira de rodas ou carriño de bebé, e que se remate o peche perimetral do furado que se atopa detrás da caseta que pode resultar perigoso para a rapazada.



Outra demanda é a eliminación das dúas prazas de aparcamento posteriores ao cruce coa rúa Hospital que dificultan a visibilidade de acceso ou saída á rúa, e a instalación dun paso de peóns no cruce co novo paseo fluvial e dunha varanda desde o paseo ata a ponte sobre o río.
“O goberno local debe manter a seguridade viaria no concello. Pedímoslle que faga o seu traballo e atenda as peticións da veciñanza” remata Martín Seco