A Federación “Lugo Rural Importa“ denuncia o estado crítico do pavimento nas rúas do Concello de Lugo

A Federación de Asociacións de Veciños «Lugo Rural Importa» quere manifestar publicamente a súa fonda preocupación polo lamentable estado do firme en numerosas rúas do Concello de Lugo, unha situación que afecta gravemente á seguridade do tráfico rodado, ao confort de peóns e ciclistas, e ao mantemento dos vehículos particulares e do transporte público.

Os fochancas, afundimentos, gretas e desperfectos xeneralizados son xa unha imaxe habitual en moitos barrios da cidade. Rúas como a Rúa Río Eo, Rúa Poeta Noriega Varela ou a Rolda das Fontiñas á altura do número 286 presentan danos visibles e persistentes que dificultan a circulación segura e cómoda, sen que se estean acometendo intervencións eficaces nin se ofrezan respostas claras por parte da área de Mobilidade e Infraestruturas do Concello.

Chama especialmente a atención que, mentres desde o Concello se promoven medidas de «calmado de tráfico» como a instalación de pasos de peóns elevados, a realidade é que o propio deterioro do pavimento está a funcionar como mecanismo de redución de velocidade, pero con consecuencias moi negativas para a suspensión, os neumáticos e a seguridade dos vehículos, ademais de incrementar o risco de accidentes.

A situación agrávase en condicións meteorolóxicas adversas coma as sufridas no día de onte que polas deficientes condicións de deseño e sobre todo nula mantemento das infraestruturas de saneamento chegan a anegar por completo a cidade en cuestión de minutos. Rúas como Fontiñas quedaron inundadas, as arquetas rebentaron pola presión da auga e os accesos á cidade colapsaron, con numerosas incidencias rexistradas polos servizos de emerxencia. Este tipo de episodios, cada vez máis frecuentes, poñen de manifesto a falta de mantemento e previsión nas infraestruturas urbanas.

Desde a nosa federación esiximos ao Concello de Lugo unha actuación urxente e planificada que aborde:

  • A reparación inmediata dos puntos máis críticos.
  • Un plan integral de mantemento periódico do firme urbano cunha planificación axustada ás condicións climáticas.
  • A creación dun canal de comunicación directo coas asociacións veciñais para trasladar incidencias con axilidade.

O deterioro do pavimento non é só un problema estético, senón unha cuestión de seguridade. A falta de intervención compromete a integridade de ciclistas, motoristas, condutores e viandantes, ademais de xerar custos económicos innecesarios á cidadanía.

A pesares de que os responsábeis da Área de Mobilidade e Infraestruturas xa leva tempo nos seus postos a cidade segue a ter graves retos en materia de mobilidade urbana: o mal estado do firme, a falta de infraestrutura de drenaxe axeitada ou a toma de decisións pouco consensuadas, son só algúns exemplos.

Lugo precisa solucións integrais e participativas, que respondan ás necesidades reais da veciñanza.

Desde «Lugo Rural Importa», facemos un chamamento firme ao goberno municipal para que priorice esta problemática, que afecta ao día a día de milleiros de lucenses. Estamos dispostos a colaborar na identificación dos puntos máis urxentes, pero non imos quedar calados ante a inacción institucional.

Abonda xa de remendos e promesas: Lugo necesita rúas seguras, transitables e dignas.

Comparte éste artículo
No hay comentarios