O Grupo Municipal Popular lamenta que, unha vez máis, as fortes precipitacións volvan deixar imaxes de caos e anegamentos en Lugo sen que o goberno local tome medidas reais e eficaces para previlo.
Os populares aseguran que «non podemos normalizar que cada vez que chove con certa intensidade colapsen os mesmos puntos da cidade. Son zonas perfectamente identificadas, pero nin PSOE nin BNG fixeron nada por solucionalo», denuncian desde o grupo popular.
Desde hai anos vimos advertindo desta situación. En 2017 pedimos a elaboración dun Plan Global para mellorar o deseño e as condicións de drenaxe no que suxeríamos traballar en tres direccións: analizar se é necesario modificar deseños nas rúas onde son frecuentes as inundacións; estudar a implantación de medidas de drenaxe das augas pluviais máis eficaces e realizar un mantemento periódico e exhaustivo dos sumidoiros. PSOE e BNG votaron a favor.
Á vista de que pasaron os anos e que non fixeron nada para solucionar esta problemática, en outubro de 2023, presentamos outra proposición ao pleno, nesa mesma liña, aportando un mapa no que identificábamos as zonas sensibles de inundarse con precipitacións fortes. Desta volta PSOE e BNG cambian o sentido do voto e rexeitan a nosa iniciativa.
A realidade é que en 25 anos de mandato, o bipartito non adoptou ningunha solución para resolver esta problemática. Falan de sostibilidade e dunha cidade verde mentres deixan sen atender problemas reais que afectan directamente á veciñanza. Dende o PP recalcan que o sucedido o venres é a proba máis do «falso ecoloxismo deste goberno local, cheo de anuncios baleiros e proxectos sen impacto real mentres se desatenden os servizos básicos».
Ademais, critican o abandono do persoal municipal clave en situacións de emerxencia como a vivida o pasado venres en Lugo. «Levamos máis dun ano sen sarxento de bombeiros, e nunha situación deste impacto organizouse ao persoal grazas á voluntariedade dos profesionais, aos que algúns se lles deben ata un ano de horas extra», sinalan. Tamén denuncian a precariedade na brigada de augas e protección civil: «Se non coidamos aos que nos protexen, estamos poñendo en risco a seguridade da veciñanza».
«Non estamos ante unha cuestión menor: está en xogo a seguridade viaria, danos materiais e posibles responsabilidades patrimoniais que poden recaer sobre o Concello», conclúen.