UCIN Lugo critica á construción e illamento do Auditorio Fuxan os Ventos de Lugo tras as últimas choivas

Unión de Cidadáns Independentes, denunciamos o malgaste económico que representa esta obra, cuxa mala execución compromete tanto a súa funcionalidade como a comodidade dos usuarios. O principal fallo é a nula insonorización. Cando chove, o son da auga golpeando a cuberta plana ecoa no interior coma se a tormenta estivese dentro do edificio, algo inaceptable para un espazo destinado a eventos culturais onde a calidade sonora é esencial. Este defecto evidencia unha elección inadecuada de materiais e un deseño pouco funcional, que afectan gravemente a experiencia dos asistentes.

A isto engádense as filtracións, un problema persistente que provocou mesmo a cancelación de actos, como a obra teatral «Go Home» o 11 de abril de 2025, por riscos derivados das pingueiras. Estas filtracións, lonxe de ser un imprevisto, son o resultado de erros estruturais como unha cuberta mal deseñada e unha impermeabilización deficiente nos patios. O Concello tivo que desembolsar máis dun millón de euros para reparar estas fallas, o que reforza a sensación dun proxecto mal concibido desde o inicio.

UCIN subliña que os máis de 20 millóns de euros gastados no auditorio non se reflicten na súa calidade. A obra adoece dunha planificación e supervisión insuficientes, o que deu lugar a un edificio con problemas estruturais e deficiencias graves. Ademais, segundo informes municipais, o abandono do inmoble entre a súa finalización en 2016 e a súa recepción en 2020 agravou a deterioración das instalacións. En definitiva, o auditorio de Lugo, lonxe de ser o referente cultural prometido, converteuse nun exemplo de mala xestión e malgasto. As pingueiras, o ruído enxordecedor da choiva e as custosas reparacións son a proba dun proxecto que non cumpre cos requisitos básicos. Dende UCIN Lugo, reclamamos unha investigación a fondo para depurar responsabilidades e evitar que os fondos públicos síganse malgastando en corrixir erros que puideron previrse.

Etiquetas
Comparte éste artículo
No hay comentarios