Nin o tempo, a idade ou unha longa traxectoria vital conseguen arrincar a Vicente Carril dos campos de fútbol. Desa Costa que o respecta e venera pola adicación incombustible a un Camariñas que o ano que vén, ademais de estrear categoría, celebrará o seu cincoenta aniversario. Unha fundación da que o propio Vicente foi artífice, e na que ostenta o cargo de presidente desde ese mesmo inicio. Cinco décadas de amor incondicional e traballo arreo que se viron recompensadas polo Goberno Municipal de Sandra Ínsua, rebautizando o campo co seu nome. Era de xustiza.
Este pasado domingo, Vicente suspiraba de alivio e satisfacción. O Camariñas era Campión de Liga, co seu neto Pablo a bordo e Juan Cabrejo no banco, un adestrador polo que loitou para que volvese renovar a tempada pasada e no que confía cunha fe incombustible. Non é para menos, á vista do resultado. Pese a tanto percorrido, o veterán presidente soubo descobrir e aprezar a sabedoría e dinámica impartida por Cabrejo nos adestramentos, un xeito de facer as cousas que o conquistaba pola súa especialización e profesionalidade, algo que en categorías «amateur» non é nin moito menos o habitual. Custou, non foi flor dun día, pero o compromiso dos xogadores e dunha directiva que non escatimaba esforzos en ningún momento, cubriron de gloria a un Camariñas en boca de todos. Admirado, vitoreado e cun indomable Vicente Carril á fronte, pensando xa nos vindeiros 50 anos.
a![]()